Ribadeo acollerá unha xornada para crear un modelo agroalimentario participativo na zona do Eo

O venres celebrarase un encontro no que falarán expertos e haberá unha mesa redonda

Río Eo. AXM

O Concello de Ribadeo e maila rede ReVOLTA, composta por oito grupos de investigación das universidades galegas, organizarán o vindeiro 22 de marzo unha xornada denominada ‘Pensar unha alimentación máis próxima‘, que aspira á creación dunha estratexia alimentaria participativa para a zona do río Eo.

A xornada, que se celebrará no CFEA Pedro Murias, aspira a facer reflexionar sobre a sustentabilidade do medio rural e facer fincapé nos grupos de consumo, pequenos produtores, mercados labregos e cooperativas de distribución como alternativa ao modelo industrializado de produción e distribución alimentaria.

Entre as 10.00 e 10.30, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e o catedrático en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Lourenzo Fernández Prieto, presentarán o evento, coa presenza dun representante da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL).

Entre as 10.30 e as 12.00 horas, celebrarase unha mesa baixo o título ‘outro sistema alimentario é posible’. Participarán nela Olga Rada, responsable do Ecomercado de Valladolid e técnica na Fundación Entretantos; Jorge Blanco, xerente da Asociación Mariñas-Betanzos e o profesor de Bioloxía Funcional da USC Emilio Carral, que falará das bacías alimentarias.

Entre as 12.30 e 14.00 horas, haberá unha sesión participativa para crear un novo modelo agroalimentario na zona do Eo, dinamizada por Fran Quiroga e Lucas Requejo.

INSCRICIÓNS

A xornada conta coa colaboración de AGACAL. Aquelas persoas interesadas en participar na xornada deben inscribirse en rede.revolta@usc.es.

ROTEIRO DE ADEGA

O vindeiro domingo, 24 de marzo, Adega Lugo organiza unha andaina pola Ruta do Ferrocarril do Eo. Os participantes poderán coñecer o pasado da minería do ferro no antigo concello de Vilaoudriz, na Pontenova.

Os sendeiristas tamén visitarán a Aula de Interpretación da Pesca, “testemuño histórico da abundancia de salmónidos neste río”. Ademais, camiñará pola Vía Verde do Eo, desde San Tirso ata A Pontenova.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here