Arquivada a causa da moza falecida ao caerlle enriba unha pedra na praia das Catedrais

A xuíza lembra que a sinalización e a solicitude de praza para acceder ao areal advertían dos riscos que corre o visitante, polo que exime de responsabilidade penal ás administracións

Visitantes nas Catedrais. AXM

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo decretou de novo o sobresemento provisional e arquivo das actuacións relacionadas co falecemento dunha moza pucelana de 25 anos o 31 marzo de 2018 na praia das Catedrais, tras caerlle unha pedra na cabeza.

A maxistrada explica que despois de practicar as dilixencias solicitadas pola Audiencia Provincial de Lugo “non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito”.

CASO REABERTO POLA AUDIENCIA

En setembro de 2018, a Audiencia revogou parcialmente o auto de xuño de 2018 emitido polo xulgado mindoniense, que desestimaba o recurso de forma interposto pola familia da vítima contra o sobresemento das actuacións decretado polo tribunal en maio dese ano.

O xulgado confirmou en xuño o arquivo da causa ao entender que a morte da rapaza fora “accidental, tal e como se fai constar no informe da autopsia, e sen que as dilixencias instruídas polos axentes da Garda Civil e pola Unidade Orgánica da Policía Xudicial de Burela apuntaran sequera posibles causas constitutivas de infracción algunha”.

a audiencia instara a “concretar datos” antes de poñer fin á investigación

No pasado mes de setembro, a Audiencia Provincial de Lugo advertiu de que “antes de adoptar calquera decisión que poña fin á investigación, resulta prudente concretar determinados datos”. Así, instou a declarar, “en calidade de investigados”, aos dous vixiantes da praia “para averiguar os lugares e horas concretas ás que se produciron os desprendementos de rochas e cando se produciron os avisos”.

A FAMILIA CULPA ÁS ADMINISTRACIÓNS

A familia da moza insistiu na responsabilidade das administracións ao xulgar que as autoridades eran sabedoras de que o escenario no que se produciu o accidente presentaba un problema de inestabilidade nas súas estruturas xeolóxicas, e aínda así decidiron manter aberto o areal. A maxistrada interpreta que non se lles pode imputar a culpa do falecemento da moza.

a familia denunciou que as administracións mantivesen aberto o areal malia saber que presentaba “inestabilidade nas súas estruturas”

AS DILIXENCIAS “CONFIRMAN” O VEREDICTO

“As dilixencias practicadas non fixeron senón confirmar o xa argumentado no auto do 13 de xuño de 2018″, salienta a xuíza, quen destaca que “aínda cando se puidese considerar que concorrese algún tipo de responsabilidade por culpa, esta non sería susceptible de ser axuizada no ámbito penal dado que a falta de previsibilidade sería en todo caso leve, desprazando o posible reproche ao ámbito da responsabilidade civil”.

para a maxistrada, de haber algún tipo de responsabilidade imputable aos gobernos, sería no ámbito civil

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Mondoñedo asegura que é “especialmente destacable” o resultado dun informe da Xunta de Galicia, no que indica cales eran os carteis de advertencia dos riscos existentes no lugar dos feitos o día no que se produciron.

Neles, segundo o auto, “sinalizábase expresamente o perigo de desprendemento de rochas“. Ademais, a instrutora sinala que o Executivo galego informou que no proceso de solicitude de reserva de praza para visitar a praia, o solicitante debe aceptar “que coñece os riscos, entre os que se fai constar que se deben extremar as precaucións nas proximidades dos cantís”.

a xuíza recorda que a falecida entrou na cova en contra do aconsellado pola sinalización e a solicitude de praza

“A eventual imprudencia non excedería do carácter leve tendo en conta a entrada na cova da vítima en contra do aconsellado na citada advertencia de riscos existentes“, explica a xuíza.

CABE RECURSO CONTENCIOSO

Contra o auto do Xulgado de Mondoñedo cabe presentar recurso de reforma e subsidiario de apelación.

CONFLITO POLA SEGURIDADE

A poucos días da Semana Santa e do aniversario do accidente, a Xunta de Galicia e Goberno central polemizaron días atrás polas competencias en seguridade nas Catedrais. As administracións atribúense a unha á outra a responsabilidade en dita materia.

O Goberno galego anunciou que aumentará a sinalización dos perigos no areal e que empregaría persoal propio e dunha empresa privada para a vixilancia no monumento natural.

LÍMITE DE 4.620 PERSOAS

Ante a advertencia dos expertos sobre os riscos que corren os asistentes ao areal, e tamén debido ao deterioro que provoca o turismo masivo sobre o monumento natural, a Xunta manterá a cota diaria de 4.620 visitantes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here