Música e tapas porán en valor os produtos locais na Praza de Abastos de Ribadeo

Co motivo do Día do Produto Local, o domingo 18 de xuño, o Concello de Ribadeo ofrecerá diversas actividades na contorna da Praza de Abastos.

Praza de Abastos de Ribadeo. AXM

A Praza de Abastos de Ribadeo prepárase para acoller actividades que poñan en valor os produtos locais. Para celebrar o Día do Produto Local, o domingo 18 de xuño, o concello de Ribadeo quere sensibilizar á poboación co consumo sostible e de proximidade. 

Na contorna da Praza de Abastos levaranse a cabo diferentes actividades, como a presentación da estratexia participativa EO Alimenta, patrocinada pola fundación Daniel&NinaCarasso, coordinada pola Universidade de Santiago e que conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e doutros da contorna. O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, afirmou que con esta estratexia pretenden “chegar entre todas as persoas participantes unha maior autonomía alimentaria a ambas beiras do EO“. As produtoras locais participantes na estratexia ofrecerán durante a presentación degustación e mostra dos seus produtos. 

A isto súmaselle a música de Borja Picón, que amenizará o mercado dos Domingos e as tapas elaboradas polos bares da contorna. O Bar Taller, Bar Prohibibido, Bar Queimada, A Ribeira e O Furamel son os establecementos que ofrecerán tapas por 1€ elaboradas con produtos da horta.

“O mercado de produtoras e produtores locais está tendo moita afluencia e con este tipo de actividades queremos convertelo nun referente da mañá dos domingos”, conclúe Vizoso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here