Ribadeo á espera de que a Xunta aprobe o plan Rexurbe para o casco histórico

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou que “con todo, desde o Concello de Ribadeo queremos seguir coa nosa política de impulsar a mellora dos inmobles".

Torre dos Moreno. AXM

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase satisfeito de ter aprobado definitivamente o Peprich e de que teña entrado en vigor o mes pasado. O traballo do equipo de goberno para darlle un novo impulso ao casco vello continúa agora solicitándolle á Xunta unha nova figura xurídica que substitúa ao Ari. Trátase do Plan Rexurbe para o conxunto histórico da vila.

O rexedor dixo: “estamos moi satisfeitos e moi orgullosos de termos aprobado definitivamente o Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico (Peprich) e de que este xa teña entrado en vigor desde o mes pasado”.

Suárez Barcia contou que “de feito, desde hai semanas estamos notando un incremento de consultas para rehabilitar ou desenvolver actuacións no casco vello que ata o momento non se podían levar a cabo precisamente pola falta desta normativa tan imprescindible nos últimos anos. Seguramente nos vindeiros tempos entrarán solicitudes de licencias de obras que serán outorgadas pola Xunta de Goberno e que seguirán contribuíndo a mellorar e a revitalizar un dos conxuntos históricos máis importantes do país”.

O alcalde ribadense sinalou que “con todo, desde o Concello de Ribadeo queremos seguir coa nosa política de impulsar a mellora dos inmobles, con diálogo, con determinación, tamén con firmeza se é necesario, pero coa vontade última e única de que ao mellorar as edificacións particulares estaremos mellorando tamén a riqueza colectiva de vivir nun entorno digno e atractivo”.

O equipo de goberno traballa en dous obxectivos inmediatos: “nestes días estamos enviando unha nova remesa de notificacións con ordes de rehabilitación tanto de edificios (fachadas, carpintería de exteriores, cubertas, canalóns, etc) como de limpeza e desbroce de leiras cheas de maleza, así como reiteración de varias multas coercitivas para os que non fixeron caso dos requirimentos anteriores”.

Fernando Suárez subliñou: “e por outra banda, queremos dar un novo impulso ao casco vello agora que temos en vigor o Peprich coa solicitude á Xunta de Galicia dunha nova figura xurídica que veña substituír a Área de Rehabilitación Integral (ARI). Trátase da solicitude dun Plan Rexurbe para o conxunto histórico da vila. Este plan contempla a dinamización aínda máis profunda deste ámbito, tanto en actuacións públicas como privadas, contando cunha maior contía e porcentaxe de axudas económicas destinadas á rehabilitación de vivenda”.

O rexedor explicou que “o Plan Rexurbe preténdese para o ámbito de todo o conxunto histórico, aínda que se van suxerir varias accións especiais en ámbitos degradados como o barrio de Cabanela, ou edificios como o actual xulgado de paz ou a contorna e máis a capela da Virxe do Camiño. Nestas actuacións singulares as administracións públicas actuantes dispoñerán de instrumentos xurídicos e económicos para impulsar melloras importantes”.

E engadiu que “desde o goberno municipal, xunto aos técnicos municipais, xa mantivemos xuntanzas e contactos desde hai varios meses para presentar formalmente esta petición perante o Instituto Galego da Vivenda e o Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Contamos levar este asunto ao vindeiro pleno da Corporación Municipal que celebremos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here