Primeiro taller de elaboración de queixo dirixido a escolares de Ribadeo

O edil de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “esta xornada, que será a primeira dun total de tres, encádrase dentro do programa de actividades que desde o Concello propuxemos aos centros escolares ribadenses de cara a este curso lectivo 2021-2022".


O primeiro taller de elaboración de queixo en Ribadeo desenvólvese na escola Pedro Murias. Enmárcase no programa de actividades que desde o Concello lle propuxeron aos centros escolares de Ribadeo para o presente curso. Hoxe, martes, asisten preto de 50 nenas e nenos do colexio Gregorio Sanz de 1º de Primaria, divididos en grupos de 12. Xunto a eles estiveron a concelleira de Servizos Sociais e Obras, Mónica Freire, e o alcalde, Fernando Suárez.

O edil de Medio Rural, Marcos Villamil, contou que “esta xornada, que será a primeira dun total de tres, encádrase dentro do programa de actividades que desde o Concello propuxemos aos centros escolares ribadenses de cara a este curso lectivo 2021-2022″.

Como parte das actuacións que se realizarán durante este curso escolar, hai proxectados un total de 3 talleres de elaboración de queixo fresco que terán lugar os días 23, 25 e 30 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas con alumnas e alumnos de primaria do CEIP Gregorio Sanz, na aula de lácteos da Escola Pedro Murias.

O concelleiro ribadense dixo que “desde a Área de Medio Rural sabemos que un dos eixos de futuro de Ribadeo pasa polo desenvolvemento sostible do sector agrario”. Para isto, segundo o concelleiro, é importante aproveitar todas as potencialidades como as instalacións do Centro Pedro Murias. Por iso, Villamil sinalou que o Concello de Ribadeo, como membro do Padroado da Fundación Escola Agrícola Pedro Murias, de Vilaframil, “quere ser promotor de iniciativas innovadoras que promovan un rural vivo, para o cal é fundamental implicar ás novas xeracións”.

“Desde o Concello queremos tamén trasladar o noso agradecemento a Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria e en particular aos traballadores do Centro Pedro Murias, que colaboran no desenvolvemento destas actividades” engadiu o concelleiro.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here