O alcalde de Ribadeo remarca a vontade de ter un novo centro de saúde se a Xunta non remodela o existente

Fernando Suárez Barcia. FARO NORTE

O Concello de Ribadeo aprobou no pleno do pasado martes unha declaración institucional de apoio aos sectores lácteo e cárnico, debido ao momento crítico que están a vivir.

Por outra parte, foi rexeitada unha moción do PP sobre o centro de saúde, que o alcalde, Fernando Suárez, cualificou como totalmente extemporánea e sen fundamento. O rexedor subliñou que “quedou de manifesto o interese, a vontade e o compromiso do goberno municipal para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde, no caso de que a Xunta non considere tecnicamente posible remodelar e actualizar o existente”.

Suárez Barcia resaltou o pasado peno ordinario como completo de onde saíron adiante varias propostas. Entre elas a aprobación da conta xeral do exercicio anterior, a modificación da ordenanza de terrazas para adaptala aos novos tempos e abaratala e unha transferencia de crédito para completar o necesario para levar a cabo a construción das pistas multideporte para a xuventude.

Tratouse tamén o incremento no IPC das tarifas da piscina, da auga e do saneamento, “tal e como está na norma” e a solicitude dun novo proxecto europeo Life para a adquisición de terreos costeiros nas parroquias da Devesa, Vilaframil e Rinlo destinados a diferentes actuacións medio ambientais.

O rexedor referiuse á moción do PP relativa ao centro de saúde que “pedía que fixeramos precisamente o que xa levamos semanas facendo, desde que recibimos formalmente a comunicación do conselleiro de Sanidade, polo que non llela puidemos aprobar”.

Aínda así, quedou de manifesto “o interese, a vontade e o compromiso do goberno municipal para que Ribadeo poida contar cun novo centro de saúde, no caso de que a Xunta non considere tecnicamente posible remodelar e actualizar o existente”. De feito o Concello comunicou formalmente “a nosa boa disposición ao conselleiro de Sanidade hai 20 días e actualmente estamos agardando, tal e como el suxeriu, a que veñan os técnicos de Sanidade”  para xuntarse cos nosos técnicos municipais.

O obxectivo é avaliar as posibilidades reais e lóxicas que pode haber na vila de Ribadeo, para que, de acordo co vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Concello poida entregar os terreos que a Xunta demanda.

Suárez Barcia dixo que “ con todo, e independentemente disto, esixímoslle a Xunta que ten que recuperar o número de profesionais que actualmente atenden á nosa poboación de 10.000 habitantes, e que son totalmente insuficientes”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here