InicioOrientalRibadeoACISA Ribadeo mostra a súa satisfacción coa nova ordenanza de terrazas

ACISA Ribadeo mostra a súa satisfacción coa nova ordenanza de terrazas

"Trátase dun marco normativo que entendemos que fomenta a actividade da hostalaría, respectando o descanso veciñal e o tránsito de persoas pola rúa, encontrando un bo equilibrio entre estes importantes aspectos", din desde a asociación.

Publicada o

- Advertisement -

ACISA Ribadeo está satisfeita coa nova ordenanza de terrazas, na que parte das reclamacións do colectivo empresarial víronse contempladas e os logros adquiridos nestes meses de pandemia consolidáronse na regulación definitiva.

O presidente da asociación empresarial ribadense, Francisco Miguel Iriarte, indica que se trata “dun marco normativo que entendemos que fomenta a actividade da hostalaría, respectando o descanso veciñal e o tránsito de persoas pola rúa, encontrando un bo equilibrio entre estes importantes aspectos”.

Iriarte remarca que esta é unha normativa ampla, que contempla os diferentes escenarios das rúas, con horarios acordes á actividade da hostalaría, que garante a seguridade e que mellora as condicións da anterior regulación, ademais de establecer un período de adaptación tanto para os requisitos técnicos coma para os pagos.

O xerente e portavoz de ACISA Ribadeo, Jesús Pérez explica que “esta nova lexislación consolida os logros que dende ACISA Ribadeo demandamos durante a pandemia“. Entre esas demandas estaban a utilización de aparcadoiros públicos para situar terrazas onde nas beirarrúas non se podían poñer terrazas ou a ampliación do tamaño das mesmas. “Cabe destacar de xeito positivo a ordenanza fiscal, na que se establece un prezo máis baixo para aqueles que queiran ter a terraza todo o ano instalada, algo que debido a pandemia xa é algo que veu para quedar” destacou Pérez.

Jesús Pérez engade que “ademais haberá unha moratoria ata o 2023 para adaptar as terrazas á nova normativa, ampliando o prazo que xa se establecía na anterior regulación, sendo os mesmos criterios aos que hai que adaptarse”.

Sobre os horarios, a nova ordenanza establece a apertura das terrazas ás 08:00 horas e o peche nos meses de maio a setembro de domingo a xoves será ás 1:30 horas, e os venres, sábados e vésperas de festivo segundo a licenza de cada establecemento. Durante o resto do ano o peche será ás 23:30 horas e ás 2:30 respectivamente, e permítese a posibilidade de solicitar ampliacións horarias en días especiais.

Francisco Iriarte remata: “estamos de acordo tamén con que se busque unificar a estética das terrazas, algo que xa está practicamente feito e que sen dubida é necesario para que Ribadeo dea unha boa imaxe turística“. Tamén lles parece interesante o que se establece sobre o estudo para a instalación de terrazas, que se fará de xeito particular a cada caso, garantindo que se busquen as máximas posibilidades para que todo aquel negocio que o solicite poida ter algunha terraza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...