Ribadeo recibe achegas da Deputación para arranxo de cinco rúas no municipio

O orzamento total chega aos 300.000 euros. Os traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento.


O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito tras a aprobación hoxe na xunta de goberno da Deputación de Lugo dunha achega de 285.000 euros para actuar en 5 rúas: Camiño da Pega, A Pega-Camiño do Cemiterio, Camiño da Ponte da Pega, Rúa do Río de Amalló e Veigadaira. Os traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento.

O rexedor contou que “desde o Concello vimos traballando nestes últimos anos nunha mellora nos diferentes barrios da nosa vila. Nestes últimos tempos xa actuamos en varias destas rúas aínda que a parte máis importante ficaba sen facer”.

Suárez Barcia dixo que “para iso, levamos meses de intenso e discreto traballo técnico para artellar uns proxectos de mellora destes viarios públicos. E evidentemente isto supón unha cantidade económica moi importante que o Concello non pode asumir unicamente”. Suárez apunta que por estes viarios tamén se dá paso ao Camiño de Santiago, polo que se solicitou á Área de Medio Rural da Deputación unha axuda económica para esta importante actuación.

O alcalde manifestou que “as actuacións desenvolveranse, concretamente, nas rúas Camiño da Pega, A Pega-Camiño do Cemiterio, Camiño da Ponte da Pega, Rúa do Río de Amalló e na Veigadaira. Estes traballos centraranse na renovación do pavimento e das redes de abastecemento e saneamento”.

Fernando Suárez engadiu: “é unha actuación que se realizará nos vindeiros meses, importantísima e que vai cambiar esa zona para ben, que estaba bastante degradada desde hai moito tempo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here