Reinícianse as obras do Concello de Ribadeo na estrada de acceso desde Ove ata a LU-P-5207, que atravesa o tramo do antigo tren mineiro. Fontes do Concello apuntan que os Os traballos “estiveron parados algúns días por mor da folga do transporte” e que este xoves se puido realizar á fin o aglomerado en quente dese viario. Desprazáronse até a zona para comprobalo o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Obras e Medio Rural, Mónica Freire e Marcos Villamil.
Freire Rancaño explicou que o obxectivo do Concello para coa obra é “mellorar o pavimento deste tramo de viario urbano e con iso ofrecer unha mellor seguridade xa que é un acceso que se atopaba en moi mal estado porque, ademais de que non se acometera nel ningunha actuación de mellora desde hai moitos anos, tamén é un tramo que soporta un volume moi alto de tráfico porque dá acceso desde as parroquias ata o centro do pobo. Executamos ademais obras de fábrica como levantamento de tapas ou colocación dunha rigola para recoller auga de chuvia e quedará pendente a sinalización horizontal, que se realizará nos vindeiros días”.
A concelleira ribadense engadiu que “esta obra está sendo levada a cabo pola empresa Isidro Otero, que foi a adxudicataria a través dun proceso de licitación aberto e o orzamento ascende a 32.000 euros, que proceden de fondos propios do Concello”.