O alcalde de Ribadeo sinala que “queda claro o peso que ten a Mariña para a Xunta” en relación á fábrica de Altri

Fernando Suárez Barcia sinala que “A Mariña ten moitas posibilidades, pero moitas delas adormecidas por quen está na Xunta. Coido que se debe tomar nota deste novo desprezo".

Fernando Suárez Barcia. FARO NORTE

O alcalde, Fernando Suárez, considera que A Mariña ten moitas posibilidades, pero moitas delas adormecidas por quen está na Xunta. E amósase decepcionado despois de coñecer que a firma portuguesa Altri non se instalará nesta comarca. Para Suárez Barcia queda claro “o peso que ten A Mariña para o actual goberno galego”.

O rexedor amósase decepcionado: “pois decepción é a palabra. Porque vai outra mais. E desde logo, con esta decisión, queda ben evidente o peso que ten A Mariña para a actual Xunta de Galicia e o interese que esta ten para o goberno de Feijóo, de Rueda ou de quen veña do PP. Son uns auténticos vende fumes”.

Suárez Barcia dixo que “xa o vemos en Ribadeo, día si e día tamén, máis preocupados en andar con caxigaliñas a través do deputado popular que teñen aquí, entretido en repartir camisetas cos logotipos do Xacobeo, ou pagar carteis de festas, ou pagar duetos, tercetos, cuartetos ou quintetos de música para animar cuchipandas varias. Para todo iso, están raudos e veloces, pero para poñer a carne no asador de verdade, para iso, sonoros silencios”.

Para o alcalde de Ribadeo “A Mariña ten moitas posibilidades, pero moitas delas adormecidas por quen está na Xunta. Coido que se debe tomar nota deste novo desprezo á Mariña, e debe ser tomado como un antes e un despois da falta de compromiso coa nosa comarca. Xa está ben de botarlle a culpa aos demais. Xa abonda de demagoxias e de vender fume que ao cabo dun tempo vese no que queda: en nada”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here