InicioOrientalRibadeoO IES Ribadeo realiza uha investigación sobre o Arquivo Histórico do concello...

O IES Ribadeo realiza uha investigación sobre o Arquivo Histórico do concello dentro do proxecto Taeus

Este traballo converteu o arquivo municipal de Ribadeo nun dos mellor organizados da provincia, cuns 50.000 documentos descritos e clasificados.

Publicada o

- Advertisement -

O IES Ribadeo clausurou este mércores 15 de xuño a súa participación no proxecto TAEUS. O acto celebrouse durante un webinar que reuniu a 10 centros de toda España, cuns 250 alumnos e alumnas participantes.

O proxecto TAEUS, coordinado pola Asociación INGALICIA implicou a todo alumnado reunido no coñecemento dos fondos de cohesión da Unión Europea, a través de técnicas de recollida de datos, análise e diagnóstico de información. Tamén animou aos grupos a levar a adiante un traballo de investigación, a creación de material audiovisual e a difusión dos resultados acadados.

Este obxectivo supuxo estudar os aspectos teóricos, sociais e políticos destes fondos, escoller entre os que afectan á nosa comunidade, coñecelos, e, por último, dalos a coñecer ao resto da cidadanía.

O IES Ribadeo elexiu o programa que desenvolve o Concello de Ribadeo para a recuperación do patrimonio documental histórico. Desde o ano 2017 realizáronse cinco programas mixtos de formación e emprego, cofinanciados no 92% polo Fondo Social Europeo. Estes programas teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, de entre 18 e 29 anos, que figuren inscritas no ficheiro do sistema de Garantía xuvenil de España. Os obxectivos que persegue son crear un inventario con toda a documentación, garantir o acceso universal empregando medios dixitais, e promover a difusión deste patrimonio a través da creación dunha páxina web do arquivo.

Este traballo converteu o arquivo municipal de Ribadeo nun dos mellor organizados da provincia, cuns 50.000 documentos descritos e clasificados. Ademais, o traballo de dixitalización conseguiu actualizar todos os libros de actas consistoriais desde o século XVI ao XX, así como toda a documentación do padrón de habitantes, planimetría e expedientes de obras de urbanización. En total fixéronse aproximadamente unhas 300.000 imaxes.

O alumnado realizou dúas visitas ao Concello. Na primeira, a responsable do proxecto Ana Belén Vázquez Rodríguez e o grupo de xente nova do obradoiro de emprego Territorio Vivo amosaron o traballo que levan a cabo e explicaron os distintos procesos que deben realizar para conseguir os obxectivos expostos. Na segunda, realizada unha vez que o alumnado filtrou e analizou a información aportada, estudaron unha selección da documentación máis relevante encontrada ao longo deste programa. Así, o alumnado puido descubrir os planos do arquitecto Manuel Machuca para unha gran catedral na vila, un manuscrito que recubría un libro de contabilidade do século XVI e que pertence ao século XII ou XIV, e que contén, entre outros elementos, sete composicións musicais denominadas antífonas (que xa tiveron unha exclusiva exposición na vila), cartas, legados de libros, libros de contas, expedentes,… un sen fin de testemuñas da historia local que ofrecen as caras e as cruces da vida cotiá dos nosos antepasados.

O traballo dos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo tivo como obxectivo dar a coñecer este patrimonio documental e o seu resultado pode verse nas redes sociais como tiktok (na conta kosmopolitas), no seu twitter @cosmopolitas1, en youtube (Arquivo Histórico de Ribadeo) e na propia páxina do centro. Tamén buscan compartir con toda a cidadanía este proxecto, agradecer a todas as persoas implicadas a súa colaboración e animarvos a coñecer e dar a coñecer todas estas testemuñas do que fumos e que nos converteu no que somos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...