A Audiencia Nacional ratifica a demolición da presa de Pé de Viña situada entre Trabada e San Tirso de Abres

Ademais, a concesionaria tamén deberá asumir os traballos de adecuación paisaxística na zona onde se sitúa o aproveitamento hidroeléctrico, ao entender que forman "unha única unidade orgánica" de explotación.


A Audiencia Nacional ratificou a orde de demolición da presa de Pé de Viña, no río Eo e situada entre o municipio lugués de Trabada e o asturiano de San Tirso de Abres.

Nun fallo contra o que cabe recurso de casación, a AN tomba o recurso de Enel Green Power España, concesionaria do aproveitamento hidráulico construído no ano 1907, o primeiro da comarca.

Así, ratifica a decisión adoptada no ano 2019 polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que obriga a Enel a demoler a infraestrutura e sufragar os custos da actuación.

Ademais, a concesionaria tamén deberá asumir os traballos de adecuación paisaxística na zona onde se sitúa o aproveitamento hidroeléctrico, ao entender que forman “unha única unidade orgánica” de explotación.

Enel disporá dun prazo de seis meses, a contar desde a recepción da notificación da extinción concesional, para presentar o seu proxecto ante a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, da que depende o río Eo.

RÍOS CON VIDA CELEBRA A DECISIÓN

Tras coñecerse o fallo da Audiencia Nacional, a asociación Ríos con Vida mostrou a súa satisfacción por unha postura que se “rexeita todas as pretensións de Enel”, incluída a “perla” de alegar que, ao tratarse dunha explotación centenaria, “a a natureza tivo máis dun século para adaptarse a ela” e que a súa demolición “causaría máis mal que ben”.

Así as cousas, o colectivo, que tamén destaca o traballo levado a cabo por Adega nesta reclamación, subliña que a eliminación da infraestrutura carrexará beneficios para varias especies presentes na canle do río e mellorará o hábitat fluvial “a nivel xeral”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here