O goberno de Viveiro impulsa unha declaración institucional para “salvagardar” a frota de baixura

A instancias da confraría, o Concello pide un "tratamento diferenciado" para o sector artesán nas posibilidades de captura e excluílo da obriga de desembarque

Flota de artes menores. GALICIA CONFIDENCIAL

O goberno local de Viveiro presentou unha moción para promover unha declaración institucional do Concello a fin de “salvagardar” a frota artesá “ante a desigualdade de trato no sector pesqueiro por mor do actual sistema de reparto de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para as embarcacións de artes menores”.

O executivo municipal expón que a iniciativa foi presentada “a instancias da Confraría de Pescadores “Santiago Aposto” de Celeiro, e dada “a incidencia da pesca de baixura, que xera gran cantidade de empregos directos e indirectos”.

A moción expón que a frota de baixura padece “unha Política Pesqueira Común (PPC) non pensada para o sector artesán”, ao que Bruxelas deixou “sen marxe de manobra, combinando cotas escasas e unha impracticable obriga de desembarque para todas as capturas”.

Por isto, advirte o executivo, “coa política de descartes cero pode haber embarcacións que teñan que parar, despedir tripulacións e incluso ser despedazadas”.

TRES PUNTOS

Así, a moción consta de tres puntos. A primeira das propostas fai referencia á pesca accidental, aquela que se produce por erro na procura doutras pesquerías obxectivo. O goberno pide que se tomen as medidas necesarias para que as capturas accesorias da frota artesá queden excluídas do sistema de TAC e cotas.

O segundo acordo pasa por requerir un “tratamento diferenciado para as embarcacións de baixura respecto das frotas industrial e semiindustrial” na xestión das posibilidades de pesca.

Neste caso, avógase por “salvagardar” a frota de de artes menores, “que utiliza aparellos selectivos e desenvolven a súa actividade de forma sostible”, propoñendo “a súa regulación a través de criterios específicos e consecuentes e en ningún caso mesturados cos doutras pesqueiras de intereses moi distintos”.

Finalmente, a moción reclama que a frota artesá quede exenta da obriga de desembarque que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here