Candia: “as decisións poden non gustar, pero algúns resultados foron francamente malos”

A presidenta do PP lucense subliñou a necesidade "de reoganizarse" nalgúns feudos tralas demisións de dous concelleiros en Viveiro, un deles o presidente do partido a nivel local

Elena Candia. ÓSCAR BERNÁRDEZ

A presidenta do Partido Popular de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, confirmou que a formación conservadora presentará candidaturas nos 67 concellos da provincia.

A líder dos populares pronunciouse sobre as crises políticas que se produciron tanto en Monforte como en Viveiro, relacionadas coa confección das listaxes electorais.

En Monforte, Julia Rodríguez deixou a presidencia do partido, o mesmo que fixo Antonio Bouza en Viveiro, entre críticas á dirección provincial por “manobrar ás costas do comité local”.

Candia asegurou que “o partido está a traballar nos 67 concellos, e indubidablemente nalgún deles poderá haber algún tipo de xente á que lle gusten máis ou menos as decisións que se van tomando”.

Neste sentido, lembrou que nas eleccións de 2015, “nalgunhas agrupacións os resultados (do PP) foron francamente malos“, polo que aposta por “reorganizarse para mellorar resultados”. “Ningún cambio busca outro obxectivo que non sexa ese (mellorar resultados)”, afirmou.

Fago un balance político. Somos o grupo con máis candidatos feitos públicos“, reivindicou Candia, quen afirma que a organización das agrupacións locais vai “a moi bo ritmo” e que as candidaturas están definidas xa “na maioría dos concellos”.

Aínda así, non concretou que pasará en Viveiro, onde unha xunta xestora presidida por Jaime de Olano traballa na confección da listaxe electoral, co candidato incluído.

A presidenta do PP lucense aseverou que “faltan moi poucos concellos” e que “o obxectivo é preparar os equipos da mellor maneira posible, cos mellores programas posibles e tentar conseguir as alcaldías”.

DEMISIÓNS ESTE MARTES

Este martes, Antonio Bouza e Cristina Goás presentaron a súa demisión como concelleiros do PP viveirense, que aspiran a certificar no vindeiro pleno, a celebrar o 6 de febreiro.

SÓ DOUS EDÍS DO GRUPO DE 2015

Trala renuncia de Chus Vale no pasado mes de novembro, o PP conta con dous edís da corporación de 2015, de Olano e Celestino García. Está previsto que na vindeira sesión plenaria Antonio García Lage tome posesión como concelleiro en substitución de Vale.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here