José Manuel Lamela repite como candidato do PP no Valadouro

Foi alcalde entre 2011 e 2013, cando prosperou unha moción de censura contra el, e no 2015 obtivo unha maioría insuficiente para gobernar

Lamela, no centro, nunha visita de José Manuel Balseiro ao Valadouro, xunto con Vidal Martínez Sierra. AXM

José Manuel Lamela repetirá como candidato do Partido Popular á alcaldía do Valadouro, onde foi rexedor entre o 2011 e o 2013 despois de formar parte do equipo de goberno durante catro lexislaturas.

Lamela perdeu a alcaldía no 2013 trala presentación dunha moción de censura por parte do PSdeG, Udival e BNG. Nas eleccións municipais no 2015 volveu gañar, máis cunha maioría que foi insuficiente ante o pacto de goberno de socialistas e nacionalistas.

Lamela asegurou á presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, que aposta “pola renovación da candidatura” e “pola xente nova” na procura “dun cambio no goberno local.

O candidato popular cre que “todo está peor que fai seis anos”. De feito, “o goberno local non avanzou nada na implantación do polígono industrial do Valadouro, a pesar de que deixaramos iniciados xa os primeiros trámites coa modificación puntual das normas subsidiarias para a súa construción”.

COOPERATIVA DE VIVENDAS

Os populares do Valadouro cren que o impulso de novas vivendas no municipio é positivo, pero aseguran que “a creación dunha cooperativa non é a forma máis axeitada” porque “os interesados e interesadas terían que facer fronte a unha hipoteca á que moitos mozos e mozas non poderían”.

Neste senso, o PP quere negociar co Instituto Galego de Vivenda e Solo a construción de vivendas de protección oficial, ás cales poderían acceder os veciños e veciñas interesados e interesadas ben a través da compra ou ben a través dun arrendamento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here