InicioPolíticaO BNG de Barreiros impugna o orzamento municipal

O BNG de Barreiros impugna o orzamento municipal

Os nacionalistas alertan da "insuficiencia" das partidas para servizos básicos e cren que os orzamentos son "unha hipoteca" para o municipio

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Barreiros impugnou o orzamento municipal para o ano 2019 debido á “insuficiencia das partidas para atender aos servizos básicos que debe prestar o Concello”.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego asegura que “o orzamento aprobado polo goberno do Partido Popular é unha hipoteca para as veciñas e veciños que, a día de hoxe, xa están debendo facturas de servizos fundamentais como o de alumeado público ou o tratamento de residuos“.

As alegacións presentadas polo BNG sinalan o incumprimento do documento orzamentario en varios aspectos, como a falta de negociación colectiva en materia de persoal ou a insuficiencia das partidas para atender as obrigas esixibles á administración local.

A voceira do BNG local, Ana Ermida, explica que “hai partidas que xa comezan o ano esgotadas, como a destinada aos subministros de depuradoras, na que se orzamentan 30.000 euros e só con facturas pendentes do 2018 que teñen que cargarse contra o crédito deste ano, gastaranse máis de 35.000”.

Ermida explica que “cada ano, os problemas para afrontar facturas prodúcense antes. No 2017, as facturas do alumeado ou do lixo deixaron de pagarse en setembro; mentres que no 2018 xa quedaron sen pagar desde xuño, segundo se deduce da documentación que acompaña ao orzamento e das facturas pendentes, que o PP recoñeceu no último pleno”.

Así, os nacionalistas advirten das “consecuencias terribles” que poden ter os orzamentos para o municipio, pois este problema no pago das facturas comezará incluso antes de mediados de ano e así cada vez vai aumentando o furado económico do Concello como se fora unha bola de neve”.

Para a formación nacionalista, os orzamentos demostran que “o goberno municipal de Barreiros non se molesta o máis mínimo en pensar nas necesidades e na situación do concello, senón que seguen insistindo nun xeito de xestionar os cartos públicos co que están levando a Barreiros á ruína económica”.

PRAZO

As alegacións presentadas deben ser resoltas en pleno municipal no prazo máximo dun mes.

O BNG barreirense expón que, “tendo en conta que mesmo o Tribunal Supremo xa se ten manifestado a respecto da nulidade dos orzamentos que incorren nalgunha das circunstancias nas que está o de Barreiros, debería acordarse a aceptación das alegacións e comezar a elaboración dun novo documento orzamentario que cumpra co legalmente establecido”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...