Javier Arca, o traballador de Alcoa que debuta en política o 28-a

O número 2 de En Marea ao Congreso, operario da fábrica de San Cibrao de 40 anos, reivindica que "todos temos que entender" do debate político porque "afecta á compra e ao médico"

Javier Arca. EFE

EFE (Sandra Sánchez). Javier Arca, un traballador de Alcoa San Cibrao, planta que conta con máis persoal cás da Coruña e Avilés xuntas e que está baixo ameaza de peche, dá o salto á política este 28-a como número 2 de En Marea ao Congreso por Lugo.

Con 40 anos, leva unicamente un e medio traballando na mencionada factoría, case a peor etapa, aínda que sempre estivo unido a ela porque o seu pai estivo de empregado na mesma desde que abrise as súas portas un 6 de outubro de 1980, data que supuxo o despegue da economía da zona da Mariña Lucense, a bisbarra na que está encravada.

No seu caso, antes de adentrarse no mundo do aluminio, Arca tampouco tiña nada que ver coa política aínda que lle gustaba e “nada máis lonxe”, detalla nunha conversa con Efe, para engadir que era autónomo, cunhas condicións precarias, e que tiña a mente ocupada con iso.

FUTURO INCERTO NA PLANTA

Deste xeito, non se pensou dúas veces a oportunidade que para el suporía iniciar unha carreira laboral na fábrica de Cervo. Esperanzas e ilusións que, en parte, vense ameazadas agora, “demasiado rápido”, relata, despois de que a multinacional norteamericana anunciase un ERE extintivo nas plantas da Coruña e Avilés e puxese o foco tamén na propia viabilidade da fábrica de aluminio lucense, “coa explicación da existencia dun risco”, apunta.

Arca asegura que pese á súa querencia pola política, sen dedicación, nunca estivo afiliado a un partido. Pero si veu, “polas fábricas compañeiras”, o papel que as formacións políticas poden xogar ante situacións como as que a nivel laboral e persoal experimenta agora.

De entre o espectro político posible, En Marea, unha coalición que no seu momento antes das escisións integraba a Podemos, Anova e Izquierda Unida, é o grupo que o fixo sentirse “identificado” e “respaldado”, polo que se animou a dar o paso de sumarse á formación comandada polo xuíz Luís Villares, e achegar o punto de vista dalguén alleo a ese mundo “pero pegado aos problemas da rúa”.

CRÍTICA “AOS POLÍTICOS PROFESIONAIS”

As persoas de a pé teñen que tomar a iniciativa. Todos temos que entender un pouco de política; cando vas á compra, cando vas ao médico e diante de situacións como a de Alcoa. Todo iso está rexido pola política”, expón Arca, que avoga por unha maior implicación desde todos os sectores que conforman a economía produtiva no país.

Ao seu xuízo, nas institucións son “máis útiles” persoas que tiveron que facer fronte aos conflitos aos que se lles debe buscar solución que aqueles que el denomina “políticos profesionais”. Ese perfil, afirma, “debe desaparecer” porque “catro anos ou oito” nun cargo “terían que ser suficientes” para conseguir o obxectivo que os levou á política. “E se non, o seguinte. Aproveitarse do cargo tería que ser sancionado”, argumenta.

DEFENDE OS PARTIDOS “PEQUENOS E REXIONALISTAS”

Da mesma maneira, Arca fai unha defensa encendida dos partidos “pequenos” e “apegados á terra” que “están pendentes do día a día e do porvir dos veciños de calquera parroquia ou aldea, os que máis necesitan ter voz”.

Por iso, insiste en que formacións como En Marea, “partidos pequenos e rexionalistas”, acaden presencia e visibilidade no Congreso. “Os grandes, os de sempre, PP e PSOE, non atenderían as demandas”, asevera.

Se consegue ocupar o escano que ansía, o seu paso pola política será “breve” pero “eficiente”, “tanto para Galicia como para a industria en xeral”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here