A deputada burelá Patricia Otero e o alcalde de Castroverde competirán por liderar o PSOE lucense

O partido socialista confirmou que tanto a mariñá como José María Arias formalizaron as súas candidaturas

Patricia Otero, no Parlamento galego. AXM

EFE. O alcalde de Castroverde, José María Arias, e a deputada autonómica e ex concelleira de Burela, Patricia Otero, postularanse como candidatos para poñerse á fronte do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, no proceso aberto para elixir unha nova executiva trala renuncia de Álvaro Santos Ramos.

En declaracións a Efe, Arias confirmou que formalizou a súa candidatura e lembrou que xa o tentou “unha vez”, pero perdeu no proceso co propio Santos Ramos.

Asegurou que dá o paso porque ten “un proxecto claro para o partido socialista na provincia de Lugo”.

Sostivo que quere un PSdeG-PSOE lucense “dirixido desde aquí e non teledirixido” desde outro lugar. Así ten pensado explicarllo aos militantes durante a campaña e, “se o entenden” e lle dan o seu apoio, porase á fronte do partido socialista. “Se non, seguiremos traballando, coma sempre”, afirmou.

Arias expuxo que o seu principal obxectivo a curto prazo é que o PSdeG goberne na Xunta de Galicia e que “Gonzalo Caballero sexa o próximo presidente galego”.

AMBOS CONCORRERON ÁS PRIMARIAS DE 2017

Á espera da confirmación oficial de candidaturas, fontes do partido informaron de que a deputada autonómica Patricia Otero, natural de Monforte e afincada en Burela, tamén tiña previsto formalizar a súa candidatura este mércores, o último día para inscribirse.

Otero, trátase dunha persoa próxima ao líder dos socialistas galegos.

En decembro do 2017, Santos Ramos acadara a secretaría xeral provincial con 747 votos, mentres que Arias sumou 373, polos 295 colleitados por Otero.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here