Ana Vigón: “solicitaremos ao Principado reforzar o persoal sanitario no verán”

A alcaldesa de Tapia xustifica o pacto con Foro Asturias co argumento de que "había que saír da parálise municipal"

Ana Vigón. V. G. L.

Ana Vigón é a primeira alcaldesa socialista do concello de Tapia de Casariego. Foro deulle no Pleno de investidura o apoio para acceder a alcaldía tal e como se anunciara dacordo co pacto asinado polos dous grupos, e feito público o pasado domingo. Traballadora social en Castropol, deixa o seu posto para adicarse en exclusiva ao Concello no ano que resta da lexislatura.

Co Pleno de investidura concluíu un proceso de negociacións intenso. Satisfeita co acordo?

Si. Sabiamos que polo ben de Tapia había que chegar a consensos e acordos. Sempre dicimos que non é só un pacto entre PSOE e Foro, se non un pacto por e para Tapia. Entendemos que había que dar un cambio ao signo político de este concello e acabar coa desidia de toda esta última tempada.

Algún proxecto, proposta ou pretensión que se quedara no camiño nese proceso de negociación?

As conversas iniciáronse a principios de maio, cando aínda o alcalde non dimitira. Tivemos unha primeira reunión a proposta do concelleiro de Foro para falar da situación caótica a nivel político que había no concello, sobre todo de parálise a nivel insitituciónal e de proxectos. Eu creo que non tiñan ilusión. Percibíase o esgotamento dunha etapa política. Barallábase a dimisión do alcalde, era unha cuestión que estaba nos medios, e iso creaba unha situación de certa inestabilidade. No pleno ordinario do mes de marzo, desde o grupo socialista, quixemos aclarar esta cuestión e preguntámoslle no Pleno ordinario do mes de marzo. Dixo: “levo aquí xa moito tempo, algún dia terei que irme. Cando? Non sei”. Pareceunos unha resposta irrespectuosa porque cremos que é no Pleno onde corresponde dar este tipo de explicacións.

Plantexouse nalgún momento a posibilidade de formular unha moción de censura?

Con Foro non chegou a haber unha negociación propiamente dita, aínda que si se valorou a posibilidade –reunimos ao grupo municipal socialista, á executiva da formación, transladouse á proposta á Federación Socialista Asturiana (FSA) e acordamos poñer por escrito unha serie de propostas para ver en que condicións podía plantearse esa moción de censura-. Non se chegou a materializar porque axiña se produciu a dimisión do alcalde.

“os veciños vían desidia. a militancia votou maioritariamente a favor do acordo de goberno”

Nesas conversas iniciais, cal era a situación que lles trasladaba o edil de Foro?

Comentounos que tiña un acordo de lexislatura co PP no que se establecía que o alcalde deixaría o cargo en decembro, e que o incumprimento por parte do Partido Popular abría as portas a unha negociación. O que lle expliquei daquela é que non era unha decisión miña, ou da executiva, se non do conxunto da militancia, como o foi agora. A militancia votou maioritariamente a favor do pacto de goberno.

A situación de interinidade e a confrontación política que se xenerou nestes días chegou dalgunha forma aos veciños, creou algún tipo de inquietude? Enrareceu o ambiente?

Creo que os veciños vían a desidia, a parálise. É verdade que o concello ten unha débeda importante, que os recursos son escasos, que co persoal municipal é complicado atender todas as demandas, pero sobre todo víase unha desidia que non nos parecía lóxica. Entendo que cando alguen é alcalde exerce desde o primeiro día que entra pola porta ata o último día que se vai. Se realmente non tiña moita ilusión, debería ter deixado paso a outros, e non xerar esta situación de incertidume.

Pode calificarse de oportunista este pacto?

Eu entendo que esta situación non a creamos nós, creouna o alcalde cos acordos iniciais aos que chegou con Foro, que non se explicaron daquela con claridade. O acordo era que o alcalde aos dous anos de lexislatura deixaría o seu cargo. Eso deberíase ter dito desde o primeiro momento con claridade. Nós sempre defendimos que o PSOE era unha alternativa real de goberno.

ESTABILIDADE

De feito foron socios de goberno de Alternativa Independente con Tapia na lexislatura que comezou en 2011. O alcalde independente non puido rematala por unha crise de goberno provocada polo conflito social e político xenerado en torno á mina de Salave. A estabilidade é agora un risco, hai algunha sombra de dúbida?

A estabilidade non está en cuestión. Xa é un prazo corto de tempo. O horizonte do acordo son as eleccións do 19. Sabemos que de como se desenvolva este pacto poden depender tamén moitos resultados electorais futuros. A Foro interésalle facer un bo traballo nas áreas que xestiona e ao partido socialista tamén porque temos que visibilizar ante a cidadanía que outro estilo de goberno é posible e que hai outra forma de facer as cousas.

“a ideoloxía é fundamental, pero temos que ver que é o que nos une, máis que o que nos separa”

O feito de que o pacto sexa entre dúas forzas políticas ideoloxicamente antagónicas, que ademais son goberno e oposición a nivel autonómico e agora tamén estatal, pode crear algún tipo de discrepancia, de conflito?

A min mesma me plantexa un dilema. A compoñente ideolóxica é fundamental -por iso a inicio de lexisaltura o pacto foi PP Foro- pero creo que na política municipal tamén son importantes as persoas e os equipos de traballo que se forman. O que buscamos foi saír desta situación que había a nivel municipal, e de ver o que nos une, máis que o que nos separa.

Ten data o pleno organizativo?

Aínda non a puidemos concretar, pero falamos de facelo antes de que remate o mes. Temos que perfilar con Foro algunhas cuestións como os representantes do municipio en distintas entidades supramunicipais, o reparto de competencias entre Pleno e Xunta de Goberno Local no ámbito que non regula a lei ou o horario e periodicidade das sesións –nos queremos que sexa nun horario que facilite que os veciños participen máis da vida política, e coñezan que decisións se toman no concello, quen as toma. Creo que o funcionamento municipal se descoñece bastante, e que sería bo que iso cambiase.

“queremos que a veciñanza participe máis, que saiba que decisións se toman e quen as toma”

AXENDA

Unha vez consolidado o equipo de goberno, que hai na axenda?

Traballo hai desde xa mesmo. Cremos que é importante a colaboración institucional –coa administación autonómica e central-, así que o primeiro será solicitar unha entrevista con Javier Fernández, presidente autonómico, para poñer en valor e explicar os proxectos para Tapia e ver as posibilidades de financiación. Pero tamén temos que ver en que situación están procesos como a licitación do albergue, e outras cuestións da xestión municipal. Ademais, iniciamos a temporada de verán co que iso conleva en Tapia, cun aumento moi grande da poboación e unha axenda cultural e social tamén máis intensa, coa Semana Cultural ou as festas do Carme.

TURISMO

En relación con ese aumento da poboación no verán que menciona, os servizos son suficientes para atendela?

Hai unha demanda histórica de reforzar o persoal sanitario, será un tema que plantearemos á Consejería correspondente. A poboación duplícase ou triplícase no concello durante o verán, e non hai reforzos a nivel sanitario. A nivel de seguridade, só temos un policía municipal.

MINA DE SALAVE

Tamén volveu á axenda a mina de ouro de Salave. A Plataforma presentou unha demanda contra o concello, como abordarán este tema?

A denuncia admitiuse a trámite. A Plataforma plantexa nesa denuncia a caducidade da licenza municipal que se concedeu no seu momento para uns sondeo. Iso resolverase pola vía xudicial, dirimiranse as responsabilidades administrativas en torno a esta cuestión. A partir de aí, sabemos que o Concello non se puede inhibir de calquera trámite que lle poida chegar, pero pola posición contraposta que as dúas forzas políticas mantivemos no seu momento cremos que é importante, e así o fixamos no pacto, que a nivel institucional ninguén faga ningún tipo de declaración en torno a esta cuestión. Se eu mesma chego a falar sobre calquera proxecto da empresa, será como Ana Vigón, como representante da agrupación socialista.

“respecto á mina temos posicións contrapostas e non haberá declaracións institucionais”

No que respecta á relación entre concellos da Mariña e do Occidente de Asturias, considera que cabe a posibilidade de estreitar lazos ou sumar esforzos en ámbitos como a demanda de infraestruturas, o desenvolmento rural, a promoción turística?

É verdade que hai determinadas actuacións que se poden facer de forma conxunta. O hándicap é que falamos de dúas comunidades autonómicas distintas pero eso non debe ser un impedimento. Hai espazos de colaboración como a Reserva da Biosfera que o permiten. En determinadas reivindicacións e accións debemos deixar a un lado os localismos e ver o que podemos sumar con outros concellos e territorios. Sempre estaremos abertos a esas iniciativas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here