O PP de Lourenzá cifra en 126.000 euros, a final da lexislatura, a suba do gasto en salarios do goberno

Os conservadores denuncian o "escurantismo" na aprobación das retribucións do executivo local, das que "non se informou con anterioridade"

Javier Rodríguez Barrera. AXM

O Partido Popular (PP) de Lourenzá criticou este venres “o escurantismo” do goberno local no tocante á asignación de salarios aprobada no pleno de organización do pasado xoves, ao “incluír unha suba de 750 euros mensuais brutos para a rexedora e a creación dunha dedicación parcial de 1.500 euros para o tenente de alcalde sen que antes se informase deste asunto”.

O edil e voceiro dos conservadores, Francisco Javier Rodríguez Barrera, salienta que “vimos de pasar por unhas eleccións municipais e esta cuestión tamén se obviou no programa electoral”.

O grupo do PP non cuestiona que a alcaldesa ou o seu número dous cobren do consistorio, incluso que a primeira se subise o soldo. “O que nos parece denunciable é que o fagan deste xeito”, remarca. Barrera amósase “indignado” co proceder dos socialistas, cando “hai catro anos anunciaran por todo o alto a supresión do salario do tenente de alcalde ou a redución da retribución da alcaldesa”.

Barrera subliña que “esta operación, ao rematar a lexislatura, suporá un gasto a maiores de 126.000 euros do que viña sendo ata agora”.

Os conservadores tamén fan fincapé en que o goberno socialista “non avanzou en nada” na consecución do Regulamento de Participación Cidadá, “recollido no programa de 2015. Entendemos que para eles todo pode esperar e é menos importante que aprobar os soldos”, afirma Barreira.

MANCOMUNIDADE

Finalmente, os populares laurentinos aféanlle ao goberno local que outorgase representación ao Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Mancomunidade de Municipios da Mariña, onde a alcaldesa, a socialista Rocío López, e o edil nacionalista Enrique José Rocha Pérez, serán os voceiros do municipio.

Barrera cre “indignante” que se esgrima un argumento de “ideoloxía” para “deixar fóra da mancomunidade ao Partido Popular”.

Ata o de agora, era de costume que figurasen en dito órgano o alcalde ou alcaldesa e un concelleiro do mesmo grupo. Neste caso, variouse o criterio e concedéuselle esta designación ao Bloque Nacionalista Galego. “Gustaríame que en Lourenzá se goberne para todos”, sostivo Barrera.

Segundo expuxo López, foi o propio BNG quen se puxo en contacto co goberno local do PSdeG-PSOE para ofrecer a súa colaboración, do que derivou un acordo para que o partido frontista tivese representación no órgano supramunicipal.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here