Os candidatos de CxG Burela renuncian individualmente a presentarse á repetición de eleccións

Os membros da lista denuncian así un proceso "inxusto" a apelan ao seu "dereito constitucional" a non participar, dado que a formación debe presentarse coa mesma candidatura

Candidatura de CxG Burela. AXM

Os trece membros de Compromiso por Galicia (CxG) Burela presentaron este venres por escrito ante a Xunta Electoral Zonal (XEZ) a súa renuncia individual a participar na repetición da votación das eleccións municipais na mesa 1.5.U do Perdouro, decretada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) trala reclamación de Burela Sempre en relación con seis votos nulos que non foron contabilizados pola XEZ por extravío.

O candidato de CxG Burela nas pasadas eleccións, José Luis Moñita, e o secretario xeral da formación, Juan Carlos Piñeiro, convocaron este venres unha rolda de prensa ante os xulgados de Mondoñedo, onde presentaron a renuncia individual de cada un dos candidatos como tentativa para que o partido poida retirarse dun proceso electoral que consideran “inxusto e non democrático“, ao repetirse a votación unicamente na mesa da que procedían os sufraxios extraviados.

A VOTACIÓN SUPÓN “UNHA SEGUNDA VOLTA”

Moñita expón varios escenarios posibles para xustificar a postura de CxG, que considera a repetición electoral “unha segunda volta en toda regra” na que “non todos os burelaos terán os mesmos dereitos“. Polo tanto, renuncia a participar e entende que, “atendendo aos nosos dereitos constitucionais, ninguén nos pode obrigar a presentarnos“.

“Haberá xente que non votou o 26 de maio e que agora pode decidir unhas eleccións. E outros que votaron e poderán cambiar o seu voto en función dunha información -sobre pactos e outras cuestións- á que non tiveron acceso os outros electores”, argumenta Moñita.

O responsable comarcal de CxG pregunta “que ocorrerá cos interventores“, aqueles que “estando censados noutros lugares votaron na sección 1.5.U porque estaban a exercer nela e tiñan dereito a facelo. Se agora non se lles deixa votar, non contará o seu voto“, sostén, para agregar que “no caso contrario, o daqueles que estaban censados no Perdouro e deixaron o seu voto noutras mesas, poderán votar dúas veces? Daquela habería que anular o voto nas mesmas”, razoa.

UNHA DEMISIÓN QUE “NUNCA OCORREU EN ESPAÑA”

A renuncia individual dos candidatos de CxG Burela semella un escenario insólito, e mesmo os propios membros da candidatura non teñen claro que a súa demisión entre dentro do posible segundo a Ley Orgánica del Régime Electoral General (LOREG).

“Entendemos que a XEZ nos vai dicir que nos temos que presentar coa mesma lista, pero apelamos ao noso dereito constitucional para decidir presentarnos ou non e consideramos que ninguén en democracia nos pode obrigarnos a concorrer”, asegura Moñita, que cre que “este caso non pasou nunca en España. Son situacións que non están moi contempladas e que haberá que regular, ver ata onde chega a democracia”, conclúe.

“CAMPAÑA ENCUBERTA”

“Sempre dixemos que resultados válidos son os do 26 de maio. Naquela mesa había interventores de Burela Sempre que reclamaron a posteriori”, resalta Moñita. CxG Burela obtivo 112 votos nas pasadas eleccións xerais, 19 deles na mesa 1.5.U do Perdouro segundo precisa a formación.

Neste sentido, o partido denuncia tamén a realización “dunha campaña encuberta” para “atraer o voto” parte “dalgunhas formacións políticas” sobre os 630 electores que teñen dereito ao sufraxio na mesa 1.5.U do Perdouro, o que consideran “totalmente ilegal“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here