InicioPolíticaA ausencia dunha partida para axudas polo Covid-19 centra o debate orzamentario...

A ausencia dunha partida para axudas polo Covid-19 centra o debate orzamentario en Alfoz

O goberno socialista aproba en solitario as contas sen contía concreta para subvencións, dado que dubida "da legalidade" das mesmas; a oposición ve esa posición "unha excusa"

Publicada o

- Advertisement -

O goberno de Alfoz aprobou en solitario os orzamentos para a anualidade 2020 nun pleno telemático celebrado o pasado venres. O executivo fixo valer a súa maioría absoluta con cinco votos a favor por catro en contra, os de Via e o Partido Popular. A oposición criticou que os presupostos elaborados polo PSdeG-PSOE non inclúan ningunha partida concreta para axudas a fin de aliviar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus a empresas e veciños.

Via Alfoz presentou sete emendas parciais que “constituían un paquete de medidas fronte á Covid-19“, porque “o proxecto de orzamentos presentado polo equipo de goberno non contén ningunha medida específica”, propostas que foron rexeitadas polos socialistas e ante as que se abstiveron os conservadores.

O partido independente advertiu que nos orzamentos aprobados “existen partidas que non se van poder executar e outras que non nos parecen prioritarias neste momento”, indicou o voceiro independente, Xabier Pardiñas. Entre as partidas referidas están as axudas para a celebración de eventos que nas últimas datas confirmaron a súa cancelación, como a Feira do Trece ou as festas de varias parroquias de Alfoz. Por este motivo, Pardiñas indica que “non ten sentido que se aproben uns orzamentos que inclúen partidas específicas para eventos xa cancelados e non existan partidas para o Covid-19, ademais, a xente non está precisamente para festas”.

VIA PROPUÑA ORZAMENTAR 39.000 EUROS

Via Alfoz propuxo unha partida de 39.000 euros para a creación dun programa de axudas para que o tecido produtivo local se adapte á nova realidade xerada pola pandemia do Covid-19. Os beneficiarios destas axudas serían tanto autónomos como empresas asentadas no concello, que poderían dispoñer dunha subvención para “instalacións e aplicacións informáticas e de acceso a internet, plataformas de promoción e venta online, servizos de reparto a domicilio, custes de adaptación de instalacións e procesos produtivos ou  compra de equipos de protección, entre outros”.

PEDIRASE UN INFORME XURÍDICO

O alcalde de Alfoz, o socialista Jorge Val, afeoulle a Via que presentase as emendas “unha hora antes do pleno” e asegurou que o executivo municipal preferiu ser “cauto” no tocante ás axudas ante a “posibilidade de que se produzan duplicidades” con outras Administracións “que si teñen competencias, ao contrario do goberno local, en Industria ou comercio”. Así, apelou á situación “dalgún Concello” que “anunciou medidas e vista a legalidade despois non foron posibles”.

A concelleira socialista, Aránzazu Incera, propuxo neste sentido “solicitar un informe xurídico“, xa que “consultamos cos técnicos e en principio díxosenos que non podemos adquirir determinadas competencias. Veremos se máis adiante temos máis dispoñibilidade para facelo, pero non podemos adiantar acontecementos”.

Pola súa banda, o voceiro do Partido Popular, Jacobo Geada, coincidiu con Via Alfoz en reclamar “axudas” para o comercio e veciñanza. No tocante ás “dúbidas legais” do alcalde sobre posibles duplicidades, asegurou que se trata dunha “excusa“, porque “o importante é aprobar unha contía” para as subvencións, dado que “xa veremos despois como facelas, se non é dunha maneira doutra”.

LOCAL SOCIAL NA PINGUELA

Unha das partidas do orzamento será para a rehabilitación da escola da Pinguela para local social. Goberno local e Via polemizaron por este punto, indicando os independentes que “non nos parece de recibo, no momento actual, que se consignen 135.000 euros, preto do 30% do presuposto de investimentos, nun único local social, mentres non contamos con ningunha partida para o Covid-19”.

SOLO INDUSTRIAL

A proposta de redacción dun plan especial para crear solo urbanizado con destino de uso industrial tamén foi rexeitada e non entrará no orzamento. Para Via, esta iniciativa queda sen consignación orzamentaria “sendo necesaria, máis que nunca, para o desenvolvemento do tecido empresarial local”. “Temos pedido o Plan Básico e queremos ser ambiciosos, que fagan investimentos Xestur ou o Sepi, para facer un polígono comarcal, porque o Concello non ten capacidade”, argumentou Val. Unha resposta ao que Pardiñas respondeu que “sen PXOM non haberá investimento” das Administracións autonómica e estatal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...