InicioPolíticaAsí votou A Mariña; vitoria do PP en todos os concellos e...

Así votou A Mariña; vitoria do PP en todos os concellos e o BNG é segunda forza en once máis

Triunfos claros dos conservadores en todos os termos municipais; o Bloque confírmase como alternativa e o PSdeG retrocede en porcentaxe de votos en todos os feudos, agás O Vicedo

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense confirmou as tendencias máis habituais das eleccións autonómicas deste domingo. En primeiro lugar, a vitoria clara do Partido Popular (PP), que se consolidou como a forza máis votada nos 16 municipios da bisbarra. En segundo lugar, unha forte abstención, superior á media de Galicia, e que parece ter que ver co brote de coronavirus que obrigou a confinar Burela e a restrinxir a mobilidade noutros seis concello. En terceiro lugar, o importante crecemento do BNG, que se converte na segunda forza política en doce termos municipais, cando no 2016 só alcanzou esta condición en Barreiros.

O PSdeG, sen un rival que lle arrebatou o liderado da oposición hai catro anos como En Marea -a Marea Galeguista quedou na irrelevancia-, retrocede en porcentaxe de votos en 15 de 16 municipios, en maior ou menor medida, en todos os feudos, mentres que Galicia En Común-Anova Mareas colleitou porcentaxes insignificantes do escrutinio. A ultradeireita de Vox non tivo peso na comarca, como tampouco Ciudadanos.

A PONTENOVA

Na Pontenova, as dúas grandes formacións políticas a nivel estatal manteñen o seu predominio, sendo con claridade o Partido Popular a lista máis votada, co 48,37% do escrutinio. O PSdeG aguanta o tipo co 33,22% dos sufraxios. Lonxe queda o Bloque, que con todo confirma tamén neste concello o seu crecemento.

A Pontenova. AXM

ALFOZ

En Alfoz votaron 885 persoas (o 58,42% do censo), 250 menos ca nos anteriores comicios. O PP experimenta un lixeiro retroceso, pero segue a recoller máis da metade dos votos, mentres que o PSdeG aguanta como segunda forza no municipio malia caer en máis de cinco puntos o seu porcentaxe de apoio. Gaña impulso o Bloque; no 2016 obtiña cinco de cada cen sufraxios, por 20 de cada centena nos presentes comicios. Galicia En Común-Anova Mareas apenas supera o 1% e a Marea Galeguista queda na irrelevancia.

Resultados de Alfoz. AXM

BARREIROS

Un total de 1.503 persoas votaron en Barreiros, polas 1.736 que exerceron o seu dereito en 2016. Abstívose case o 41% do censo.

O PP obtén un resultado similar ao de 2016; recibe 52 de cada 100 votos, polos 54 de cada centena recollidos hai catro anos. O BNG foi na anterior cita electoral segunda forza en Barreiros, o único concello da Mariña non que acadara ese chanzo. Nestes comicios autonómicos consolídase amplamente, co 33,38% dos sufraxios, mentres que o PSdeG experimenta un lixero retroceso. Galicia en Común-Anova Mareas apenas ten relevancia, con menos do 2% dos apoios.

Resultados de Barreiros. AXM

BURELA

Había unha lóxica curiosidade por comprobar os resultados electorais en Burela, dado o confinamento do municipio, epicentro do brote de coronavirus da Mariña, con arredor do 75% dos casos positivos do foco. Unhas 140 persoas non poideron votar por seren positivos e decenas máis ao estaren pendentes do resultado da proba PCR.

Cabe destacar que a abstención superou claramente a calquera forza política. Un total de 3.435 persoas non emitiron sufraxio en Burela, o 48,31% (fronte ao 40,44% de 2016). O PP é a forza máis votada co 44,49% dos sufraxios, emerxendo o BNG, que acada o 34,59%. O PSdeG experimenta un retroceso similar ao doutros concellos, e Galicia en Común-Anova Mareas roza o 3%. A ultradereita non chega ao 2%.

Burela. AXM

CERVO

En Cervo, PP e PSdeG perden arredor de catro puntos de porcentaxe de voto, sendo os populares a forza política preferida. O BNG pasa de apañar sete de cada 100 votos a 35 de cada centena, irrompendo no segundo posto e ‘sorpassando’ con claridade aos socialistas. A coalición de esquerdas obtén un dos seus mellores resultados na comarca, por riba do 4%. O municipio, inmerso na crise de Alcoa, destacou unha vez máis por unha alta porcentaxe de participación, do 71,78%, moi superior á da maioría dos concellos.

Cervo. AXM

LOURENZÁ

En Lourenzá votaron nestas eleccións autonómicas 1.071 persoas, o 60,24% do censo, polos 1.317 veciños que o fixeron en 2016. O Partido Popular foi a forza máis votada, co 52,28% dos sufraxios, incrementando en case 1,6 puntos o seu porcentaxe de voto. O BNG experimentou un forte ascenso, pasando de acadar a confianza do 10,47% do electorado a acadar o 23,91% dos apoios, converténdose na segunda forza política. O PSdeG cae á terceira praza, co favor do 18,79% dos veciños. Galicia En Común-Anova Mareas non chegou ao 2% dos votos, mentres que a ultradereita colleitou pouco máis do 1%.

Resultados en Lourenzá. AXM

FOZ

En Foz, a abstención quedouse a pouco menos de tres puntos de alcanzar en porcentaxe (42,28%) á primeira opción política, o PP (44,92%). O Bloque recolle 30 votos de cada 100, mentres que en 2016 seduciu a dez de cada centenar de electores, e adianta ao PSdeG, que aguanta o tipo, aínda que tamén retrocede nun municipio no que goberna e colleita habitualmente bos resultados. Galicia En Común-Anova Mareas sobe do 3%.

Foz. AXM

MONDOÑEDO

Mondoñedo é exemplo tamén das tendencias habituais. Primeiro, abstención alta, do 42,87%; 1.323 veciños non exerceron o seu dereito a elixir os seus representantes. Segundo, vitoria rotunda do PP, que roza o 60% dos votos. O Bloque emerxe como segunda forza e o PSdeG aguanta o tipo, aínda que vese superado pola formación frontista.

Mondoñedo. AXM

OUROL

En Ourol, os resultados das dúas grandes forzas estatais son practicamente iguais aos de 2016, con case o 47% dos votos para o PP e algo máis do 32% para PSdeG, que aguanta o tipo moito mellor que noutros outros municipios onde goberna. Emerxe o BNG, con 16 de cada 100 votos, cando non chegaba ao 3% dos sufraxios no 2016. Medra a abstención, con 331 cidadáns que non emitiron voto polos 570 que si o fixeron.

Ourol. AXM

O VALADOURO

O Valadouro confirma as tendencias, cunha abstención de case o 43%. A forza máis votada foi o Partido Popular, cunha leve caída no porcentaxe de voto ata o 47,30%. O crecemento do BNG dálle a segunda posición, multiplicando case por seis o porcentaxe de apoios: do 5,83% ao 28,57%. O PSdeG queda como terceira forza, con 21 de cada 100 sufraxios. Tampouco acada relevancia a coalición de esquerda neste municipio.

Os comicios autonómicos 2020 no Valadouro. AXM

O VICEDO

A participación no Vicedo foi do 60,51% por cento, con 898 votantes. A vitoria neste municipio foi de novo clara para o PP, que malia perder votos segue por riba do 60% dos sufraxios. O Bloque ‘sorpassa‘ tamén neste municipio ao PSdeG, ao multiplicar practicamente por tres o seu porcentaxe de apoios. Este concello é o único da Mariña Lucense onde medra o porcentaxe de voto dos socialistas, do 13,12 ao 15,59%.

O Vicedo. AXM

RIBADEO

O PP calcou os resultados de 2016 en Ribadeo, sendo a primeira forza coa metade do escrutinio. Nun municipio no que En Marea emerxera como segunda opción política no 2016 (17% dos votos), o Bloque ocupa o seu lugar cun apoio social significativamente máis importante, do 28,46%. Lixeiro retroceso do PSdeG.

Ribadeo. AXM

RIOTORTO

En Riotorto, a participación tamén descendeu significativamente (do 75,70% do censo ao 70,58%, 782 votantes. o PP reforzou aínda os seus bos resultados de 2016, cando obtivo o 61,39% dos votos, acadando desta volta a confianza do 63,29% do electorado. O Bloque confirmou tamén neste municipio a súa boa tendencia xeral, case duplicando a porcentaxe de voto e superando ao PSdeG como segunda forza política no municipio. Galicia En Común-Anova Mareas rozou o 2% do electorado, e a ultradereita acadou o 1,56% dos sufraxios.

 

Resultados de Riotorto. AXM

TRABADA

En Trabada, chama a atención a caída do PSdeG nun concello no que goberna con maioría absoluta desde 2015. Pasa do 30% ao 18,66% dos votos. O PP fíncase como a lista preferida dos trabadenses, mentres que o BNG triplica o porcentaxe de votos.

Trabada. AXM

VIVEIRO

Ao igual que en vilas como Burela ou Foz -a excepción entre os municipios cos meirandes núcleos de poboación foi Ribadeo-, en Viveiro a abstención estivo en niveis no tocante a porcentaxe (42%, con ata 5.264 persoas que quedaron na casa) similares aos da formación política preferida, o Partido Popular (42,48%). O Bloque tamén sobe no concello viveirense, con 32 de cada cen votos. Baixa o PSdeG en tres puntos.

Viveiro. AXM

XOVE

En Xove, o Partido Popular retrocede, aínda que segue por riba do 50% dos votos. Cunha participación do 67,40% (1.834 votantes), polo 70,84% dos anteriores comicios autonómicos, os conservadores quitan case o 51% dos sufraxios, cando no 2016 estiveron a piques de acadar o 56%. Chama a antención, de novo, o crecemento do nacionalismo galego; 33 de cada 100 votantes escolleu ao BNG, cando 10 de cada 100 optara por esta opción política hai catro anos. Malia a irrelevancia da Marea Galeguista –En Marea fora a segunda forza na cita electoral precedente-, o PsdeG retrocedeu para acadar a confianza de case o 10% do electorado; Galicia En Común-Anova Mareas, a do 2%. Vox queda co 1,57%.

Porcentaxes electorais en Xove. AXM

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...