O PSdeG recolle 40 demandas á Xunta para A Mariña

O hospital ou o transporte metropolitano centran algunhas das reclamacións dos socialistas

O secretario xeral do PSdeG, en Lugo Álvaro Santos Ramos, durante a xuntanza. AXM

Militantes do PSOE na Mariña mantiveron o sábado un encontro comarcal en Foz para poñer en común as principais demandas veciñais de cara a elaboración de enmendas ao Orzamento da Xunta de Galicia 2019.

Os socialistas recolleron 40 cuestións a abordar. Respecto do Hospital da Costa, esixen unha dotación de fondos para contar cos medios humanos e prestacións sanitarias que requiren os mariñaos.

Ter que acudir a Lugo ata para cambiar a pila dun marcapasos, é un dos exemplos que citan para denunciar a precariedade da atención sanitaria.

O transporte metropolitano público é outro dos temas comúns. Os socialistas reclaman o reforzo deste servizo tras o importante recorte de liñas que xa levou a cabo o Goberno galego do PP.

Esta é a listaxe de demandas, concello por concello:

ALFOZ

– Arranxo integral do colexio público Castro de Ouro.

– Dotación dunha rotonda na LU-160 para acceder ao IES Alfoz Valadouro e á gasolineira que se atopa na zona.

– Remate da senda peonil que vai dende Alfoz ao Valadouro.

– Mellora integral da rede de saneamento e abastecemento. É un proxecto compartido co Concello do Valadouro redactado hai máis de 5 anos.

– Execución do proxecto de dotación dunha área industrial.

– Limpeza de ríos. Nada se fixo dende que o PP está na Xunta. Tampouco deixa a Concellos, facer nada, pois múltaos. Isto provoca inundacións que afectan a vivendas, terreos agrarios e forestais, ao tempo que priva a produción pesqueira.

A PONTENOVA

– Arranxo dun treito de 5 quilómetros da LU-741 que une a Pontenova e A Fonsagrada.

– Fondos para cubrir a xubilación dun médico no centro de saúde.

BARREIROS

– Remate da pasarela que une as dúas edificacións do colexio de San Miguel de Reinante.

– Fondos e execución do proxecto da EDAR de San Miguel de Reinante.

– Proxecto de dotación e mellora do saneamento integral. Hai 4 parroquias que non teñen e outras 4 sen rematar ou en pésimas condicións.

– Limpeza e conservación do Masma e dos case 10 regos que abastecen de auga aos veciños.

– Dragado na ría do Masma.

– Fondos para que o centro de saúde conte cun médico de atención primaria máis, pois dende hai máis de 1 ano non se cubre unha baixa en detrimento da atención sanitaria dos veciños.

BURELA

– Arranxo integral do colexio Virxe do Carme.

– Fondos para a dotación dun novo pavillón deportivo ou cando menos para unha ampla reforma do existente. Hai fondos europeos sen executar e que se poden perder precisamente por non avanzar nin realizar esta iniciativa.

– Fondos para a execución da nova EDAR de Burela, redacción do proxecto definitivo e inicio das obras.

– Fondos e execución do proxecto do martelo de protección do Porto de Burela.

CERVO

– Dragado do embalse de Rúa. Trátase dun actuación comprometida e nunca realizada. É necesaria pois hoxe a capacidade do embalse reduciuse á metade debido aos lodos ou á area. Este embalse proporciona o suministro de auga potable aos veciños de Cervo e tamén de Burela.

FOZ

– Ampliación das instalacións das escolas infantís de Foz, pois non hai prazas suficientes para cubrir a demanda existente. Os socialistas conseguiron a unanimidade do Pleno municipal para esixir estas actuacións á Xunta de Galicia, pero nada se fixo ata entón.

Fondos e execución do proxecto para a dotación da nova EDAR de Foz. Hai fondos europeos sen executar que precisamente se poden perder por non avanzar nin realizar esta iniciativa.

Restauración e modificación da bocana, dragado, amarres e ampliación dos servizos do porto Tupide.

– Arranxo do muro de contención da LU-151 de Fazouro-San Acisclo, outra proposta que os socialistas levaron ao Pleno municipal, conseguindo a unanimidade e sen realizar.

LOURENZÁ

– Mellorar o pavillón polideportivo.

– Adquisición de mobiliario e cuberta das escaleiras que dan acceso ao colexio Juan Rey.

OUROL

Proxecto de construción dunha residencia da terceira idade, dotación social que demandan os veciños e defenden os socialistas.

– Arranxo das rotondas da LU-540 ao seu paso por Ourol debido á perigosidade nas mesmas. Rexistráronse varios sinistros na zona polo seu estado.

– Dotación dun acceso dende á LU-540 á saída do viaduto (dirección Viveiro) que conecte directamente co centro urbano de Ourol

RIBADEO

– Renovación do sistema de traída de auga e dotación dun novo depósito de auga. Hai terreos municipais -que se compraron- para estes traballos.

– Dotación dun novo campo de fútbol.

– Mellorar o dragado da ría de Ribadeo.

TRABADA

– Saneamentos e EDAR no núcleo de A Rabexa (Ría de Abres) e Igrexa (Sante).

– Abastecemento de auga a varios núcleos rurais.

– Mellora de accesos á LU-132 a partires do punto quilométrico 12,580

– Musealización da antiga escola para centro etnográfico.

– Instalación dunha pista de padel cuberta e graderío.

O VALADOURO

– Acondicionamento da estrada LU-161 do Valadouro a Viveiro, pois hai zonas ata sen pavimento.

– Mellora da rede de abastecemento e saneamento. Trátase dun proxecto compartido co Concello de Alfoz redactado dende hai máis de 5 anos e sen executar. Nada se sabe dende 2013.

– Remate da senda peonil que une Alfoz ao Valadouro.

– Desbloquear os fondos para o PXOM, pois a Xunta pospón a execución destes ano tras ano sen rematar o plan.

– Limpeza de ríos.

– Fondos para que o centro de saúde conte cun pediatra. Si o había cando no colexio do Valadouro había 70 cativos e hoxe non con 140 nenos. As familias desprázanse a Foz onde hai un único pediatra para toda a Comarca e a media xornada. En ocasións, teñen que desprazarse ao PAC de Burela onde os atende un médico de familia, non un pediatra.

VIVEIRO

– Derribo dos galpóns do peirao de Celeiro e acondicionamento do espazo que quede libre.

– Execución da Vía de Altas Prestacións da Mariña.

– Saneamento de Celeiro.

– Depuradora de Viveiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here