José Tomé: “Queremos demostrarlles (aos traballadores de Alcoa) o importantes que son para a comarca”

O presidente da Deputación de Lugo comprométese a falar sobre Alcoa coa ministra de Industria.

José Tomé coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, ratificou este martes o seu traballo para velar polo futuro da industria na Mariña lucense, polo que se comprometeu a falar da situación de Alcoa coa ministra de Industria, Reyes Maroto.

Tomé asegurou que “en canto teña ocasión, tanto con Raúl Blanco Díaz, secretario xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa ou coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto”, falará e trasladaralles a súa preocupación pola industria mariñá en xeral, e de Alcoa en particular.

Por agora, recalcou Tomé, todo vai sobre o previsto e agarda que se cumpra co acordado por parte da empresa. “Non teño porque pensar que non o van a facer. Depositaron como fianza o diñeiro que se lles pediu e creo que están a cumprir cos prazos“, sostivo.

Os problemas que incumben á industria lucense supoñen unha “preocupación sempre trasladada ao Goberno central”, manifestou, sobre todo cando este pode actuar en defensa da mesma, como o caso da factoría de San Cibrao.

Unha das súas maiores preocupacións son os traballadores e, por iso, asegura un seguimento dos mesmos. “Como xa falei coa ministra en Santiago, o que queremos é que se sentan acompañados por nós e por iso non imos descoidar a súa formación, queremos que estean ao día e demostrarlles o importantes que son para a comarca“, concluíu Tomé.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here