“Vivimos un período bisagra entre os prexuízos que persisten e a eclosión do feminismo”

Carme Adán, que este sábado presenta en Ribadeo un libro sobre a violencia de xénero, advirte dos discursos que sosteñen a "nova orde patriarcal"

Carme Adán. AXM

Este sábado (12.00 horas), Carme Adán presenta na Casa do Mar de Ribadeo o seu libro ‘Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión’A autora, doutora en Filosofía e secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia no goberno bipartito (2005-2009), reflexiona no ensaio sobre a violencia de xénero e propón “desenmascarar” os prexuízos que reproduce o patriarcado.

Cal é a hipótese que expós e argumentas no libro?

É un libro que reflexiona nun tono coloquial a respecto de que é a violencia contra as mulleres, a violencia de xénero, que eu resumo con esa palabra de feminicidio.

O que defendo é que esa violencia non é tanto unha suma de desigualdades como un elemento fundamental para que o patriarcado poida reproducirse. A violencia úsase como unha forma de control e dominio sobre as mulleres. O que propoño é un debate asequible a todos os públicos pero espero que riguroso sobre a importancia que ten comprender a violencia para entender o que está ocurrindo na sociedade.

“A violencia úsase Como unha forma de control e dominio sobre as mulleres”

CONCEPTOS

Levas ao título a palabra feminicidio. En 2015, xa defenderas no Parlamento a necesidade de incorporar este termo á lexislación. Por que é tan importante a palabra que utilicemos?

As palabras nos permiten ver e analizar a realidade, sen palabras podemos facelo. De feito, a violencia contra as mulleres estivo durante moitos séculos invisibilizada, naturalizada, normalizada. Pasaba nas casas e quedaba dentro das casas. Sacala á luz, facela visible, require pensar nela e para iso necesitamos palabras.

Empregar o concepto feminicidio, que significa asasinato de mulleres polo feito de selo e que está recollido dese hai dous meses pola Real Academia Española da Lingua  – non sendo unha institución precisamente feminista-, significa que nos estamos dando conta do esencial da situación: o factor de risco neste caso é ser muller, ter nacido nunha estrutura que sitúa ás mulleres, aínda neste momento, nunha situación de maior vulnerabilidade social.

“para sacar á luz as agresións contra as mulleres, durante séculos normalizadas, necesitamos palabras. coma feminicidio”

Como interpretamos entonces a resistencia a utilizar ese termo, non está tan extendida?

Sorpréndenos, parécenos algo moi forte. Feminicidio, xenocidio, homicidio. Pero é o termo que necesitamos para  amosar ese papel que tén na estrutura patriarcal a violencia contra as mulleres.

No seu momento foi un paso moi importante que se empezase a falar de violencia de xénero, que o recollesen así as leis así o recolleran as leis. Pero como non nos podemos parar, como temos que buscar horizontes de futuro de maior igualdadade e de maior liberdade para todas e todos, incorporar conceptos como feminicidio á lexislación e tamén ao noso uso cotiá sitúanos nun lugar que nos permite pensar máis na liberdade.

“As agresións sexuais son fundamentalmente unha forma de coartar a liberdade das mulleres”

PRIVACIÓN DE LIBERDADE

Fas fincapé en definir a violencia como unha falta de liberdade.

Si, porque a violencia, en xeral as violencias, pero en particular a violencia contra as mulleres sempre se utiliza como unha marca de dominación, de limitación da liberdade. Aquel que domina, aquel que emprega a violencia, o que persigue é que a muller non teña a súa propia vida, que non sexa libre.

Nese sentido, temos que entender tamén as agresións sexuais. As violacións son fundamentalmente unha forma de coartar a liberdade das mulleres, porque non se busca unha satisfacción sexual, se non dominio e humillación. Polo tanto, para conseguir maiores cotas de liberdade tamén temos que ter a capacidade para empregar as palabras que consideramos máis adecuadas.

Cartel da presentación. AXM

NOVOS DISCURSOS MACHISTAS

Comentamos que a violencia é un dos piares que sustenta o patriarcado, unha estrutura que se mantén porque, argumentas, vai mudando cando os tempos. Que formas está adoptando agora?

Parece evidente que hoxe non se lles pode decir ás mulleres que se queden na casa a facer as súas labores, como tiveron que escoitar as nosas avoas e as nosas nais.

Pero hai discursos máis sutís cargados dos mesmos prexuízos: si se carga sobre as mulleres a crise demográfica e a natalidade ou se di que as mulleres deciden libremente prostituirse ou alugar os seus ventres. O mito da libre elección do neoliberalismo aparece constantemente.

Parece que as mulleres poden elixir abandonar o traballo para coidar os fillos pero a realidade e que as mulleres están precarizadas e teñen salarios máis baixos, e que se reducen as súas xornadas laborais no futuro van ter pensions máis baixas e dificultades para volver ao mercado laboral.

“Cárgase sobre as mulleres a crise demográfica e dise que deciden libremente prostituírse ou alugar o seu ventre”

É importante desenmascarar eses prexuízos a respecto da maternidade, dos ventres subrogados, da prostitución… Teriamos que coller un a un os debates. Mesmo mirar desde ese óptica a ficción.

No libro libro falo de ‘Cincuenta sombras de Grey’, onde parece que a moza é libre pero o que fai é dobregarse aos intereses dese suposto mozo tan rico, tan guapo, e con tantísimo poder, e acaba adoptando un rol de absoluta submisión.

Por outro lado tamén é un momento de eclosión do pensamento feminista, de mulleres conseguindo grandes avances en moitos ámbitos. Vivimos como nunha especie de tempo bisagra: avanzamos e tamén nos atopamos con momentos de retroceso. A realidade é plural somos seres contraditorios e vivimos tamén contradiccións sociais.

“As alumnas aínda teñen que escoitar que son peores en matemáticas que os seus compañeiros”

NOVAS XERACIÓNS

Eres profesora de filosofía. Como se manifestan esas dúas caras entre as xeracións máis novas?

O alumnado tamén e plural. Si que vexo unha parte imporante das mozas con ganas de saber, o vimos o 8 de marzo nas rúas, con moitos rapazas novas, moitos rapaces tamén. E por suposto, imos confiar en que sigan construíndo un mundo máis xusto e máis libre.

As alumnas aínda teñen que escoitar que son peores en matemáticas que os seus compañeiros, ou moitas alumnas contan a experiencia do que é a ciberviolencia de xénero onde os mozos lles piden os contrasinais do móbil, que é unha forma de control.

Protesta contra o feminicidio de Valga. AXM

LEXISLACIÓN

Con respecto a esas contradicións sociais que mencionabas. Hai quen cuestiona as leis contra a violencia de xénero. Como Secretaria Xeral de Igualdade, impulsaches a lei galega. Que trascendencia tivo?

Foi un punto de inflexión. Tanto a lei integral como a lei galega, que ademais foi pioneira. De feito, hai moitos aspectos dela que se recollen agora no pacto de estado como o feito de non precisar denuncia para acceder aos recursos ou ampliación do concepto de violencia de xénero.

“A lexislación foi fundamental para identificar a violencia de xénero e mostrar que nada ten qeu ver coa violencia doméstica”

Estamos vendo como a extrema dereita quere revertir eso precisamente porque foi un paso importante: permitiunos identificar a violencia de xénero e entender que non ten nada que ver nin coa violencia doméstica nin coa violencia familiar.

É un tipo de violencia que sofren as mulleres polo feito de selas. Foi un cambio substancial tanto no ordenamento xurídico ámbito lexislativo como para o movemento feminista. Situou no cerne do problema a violencia que sofren as mulleres como unha limitación da liberdade.

Que resposta estás atopando entre o público que acode as presentacións do libro?

Estou contenta pola repercusión que está tendo, polo debate que se xenera. Vexo mulleres e homes que o len e me din, “nunca pensara así na violencia de xénero”. Algo para min moi estimulante porque o libro pretende xustamente iso: estimular e axitar o pensamento. Ir máis aló dos datos e preguntarse o porque e o para que da violencia de xénero.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here