InicioCulturaO tráfico comercial da Ría de Ribadeo ocupou centos de barcos nos...

O tráfico comercial da Ría de Ribadeo ocupou centos de barcos nos séculos XVI e XVII

O investigador Chemi Lombardero presentará o vindeiro sábado un libro que recopila nova documentación ao redor da actividade comercial nas instalacións portuarias

Publicada o

- Advertisement -

Máis de setecentos barcos foron identificados utilizando o porto de Ribadeo, e os outros da ría, Castropol e Figueras, durante os séculos XVI e XVII nun tráfico comercial que os converteu en instalacións fundamentais na corrente do tráfico do Atlántico europeo.

Os veleiros saían das intalacións portuarias con madeira en bruto ou elaborada para o sur peninsular, preferentemente para Lisboa e Andalucía, manufacturas de ferro, cal, pedra de cal e coiros; e entraban con sal, ferro, cereais panificables, peles, aceite ou viño. Así o constata o investigador Chemi Lombadero, na publicación“O comercio marítimo da Ría de Ribadeo nos séculos XVI e XVII” (Libros Lar), que se presentará o vindeiro sábado na Casa das Letras de Ribadeo.

A madeira, procedente do Occidente asturiano, e o ferro, do que se surtían as ferrerías da zona, predominaron no tráfico comercial do porto

Os protocolos conservados no arquivo notarial de Ribadeo e as actas do concello, que participaba no porto, foron as principais fontes do autor. Seguindo a documentación recopilada, o libro ofrece unha pormenorizada descrición dos portes e das embarcacións coa data de protocolo, nome -na maioría dos casos-, tipo de barco, orixe, destino, carga, mestre e referencia.

“A importancia comercial do porto de Ribadeo está constatada e estudiada a partir doutras fontes, pero ata agora non se analizara con profusión o material conservado no arquivo notarial”, explica o autor que constatou tamén que os documentos localizados descubren só “unha pequena parte” do volume de tráfico comercial que albergaba o porto.

Os veleiros máis grandes podían transportar ata 340 toneladas. “A maioría dos comerciantes aproveitaban os barcos que facían as rutas atlánticas e cantábrica para distribuír as súas mercadorías pero os máis poderosos tiñan embarcacións propias, algunhas adquiridas na venda de capturas de corso“.

CENTRO PORTUARIO DE REFERENCIA

O porto ribadense foi, segundo o investigador un centro receptor e distribuidor de materias primas e produtos manufacturados do Occidente asturiano e da provincia de Mondoñedo, pero chegando incluso a ter influencia en terras do Bierzo e outras áreas de Castela. “O porto tiña un dereito real a efectos de control e pago de impostos polo que todo o tráfico de altura tiña que saír ou pasar por Ribadeo”, explica Lombardero.

Os comerciantes aproveitaban a navegabilidade do treito final do Eo para trasladar os materiais en pequenas embarcacións desde a Ría de Abres

Parte das mercadorías -especialmente a madeira, procedente na súa maioría de Asturias- chegaban ao porto a través dos ríos Navia e Eo. Os comerciantes aproveitaban a navegabilidade do treito final do Eo para trasladar os materiais en pequenas embarcacións desde a Ría de Abres. Era a única alternativa ao transporte tirado por animais.

REDE DE INTERCAMBIO DE PRODUTOS

As instalacións portuarias da ría formaban parte, explica Lombardero Rico, da estrutura de portos de cabotaxe cantábrica que constituían unha rede doméstica de distribución e intercambio de produtos. Viño, graxa de balea, ferro, sal, sardiña, madeira, doelas, embarcacións, breas, peles, aceite, aceitunas, salazóns, froitas, tecidos e grans de trigo e centeo, conformaban o tráfico marítimo destes séculos.

A actividade comercial propiciou o establecemento en Ribadeo de comerciantes de fóra da vila e o posterior florecemento de casas armadoras como as de Ibáñez ou Bengoechea que manterían o porto como centro de referencia ata finais do século XIX, coincidindo coa transición ao vapor.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...