O Concello de Ribadeo sinala que seguiu as indicacións da Axencia Tributaria na campaña das Panchas

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, “desde o punto de vista legal e normativo, a dinámica da noso programa é a mesma que as campañas da Xunta ou doutras administracións, aínda que no noso caso con moito maior impacto no comercio local".

Fernando Suárez e o edil de Turismo de Ribadeo, Pablo Vizoso, presentan «Ribadeo, prepara o teu camiño», un catálogo interactivo de servizos para o peregrino / Faro Norte

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, subliña que as Panchas deben ser declaradas como ingreso no apartado de ganancias patrimoniais e que dificilmente poden afectar de forma negativa na declaración da renda. O Concello actuou seguindo as indicacións da Axencia Tributaria e do servizo de Intervención municipal. A moeda local de Ribadeo atópase na mesma situación que campañas doutras administracións como o Bono Activa Comercio, o Bono Cultura ou o Bono Turístico da Xunta.

O edil ribadense dixo que “ante controversia suscitada nos últimos días sobre a campaña das Panchas, organizada polo Concello de Ribadeo, gustaríanos aclarar que precisamente a finalidade é favorecer e potenciar o consumo no comercio local, obxectivo claramente conseguido. Trátase dunha campaña totalmente innovadora a nivel de todo Estado, e de feito recibíronse numerosas chamadas para axudar a implantar algo semellante noutras vilas ou cidades”.

Vizoso Galdo subliñou que “desde o punto de vista legal e normativo, a dinámica da noso programa é a mesma que as campañas da Xunta ou doutras administracións, aínda que no noso caso con moito maior impacto no comercio local. As bases reguladoras da Pancha e deste tipo de campañas definen esta axuda como unha subvención pública a fondo perdido na que os beneficiarios son as persoas consumidoras, como moitas outras campañas, estou a falar do Bono Activa Comercio, do Bono Cultura, dos Bonos Turísticos da Xunta, dos Bonos Corazón, das Panchas e un longo etc., que están na mesma situación. E como tal este tipo de axudas públicas teñen uns controis e nós como Concello debemos comunicar cómo empregamos o diñeiro público”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local indicou que “o Concello de Ribadeo actuou segundo lle comunicaron os servizos de Intervención e mais a Axencia Tributaria Estatal, que a considerou, tras unha consulta formal, como unha axuda que se debe declarar como ingreso no apartado de ganancias patrimoniais. E agora, con moita sorpresa pola nosa parte, observamos que outras administracións, que pode ser que non o teñan comunicado, como parece interpretarse polo que se ve nos medios, non é compresible que se centren os tiros no Concello de Ribadeo que sí fixo as cousas ben, seguindo as indicacións da propia normativa tributaria”.

Pablo Vizoso recalcou: “insistimos en que estas axudas ao consumo están dirixidas a cidadanía, é dicir ao consumidor (tanto os Bonos Activa Comercio, os Bonos Turísticos, as Panchas, as axudas ás compras de coche ou para placas solares) e se as administracións que promoven estas axudas non o declaran á Axencia Tributaria, tal e como ten feito o Concello de Ribadeo e como marca a normativa, poden estar causándolles un problema ás persoas que se beneficiaron deste tipo de axuda”.

O edil de Desenvolvemento Local engadiu que “estamos a falar dunha axuda máxima de 70 euros, que dificilmente pode afectar de forma negativa na declaración da renda dos particulares, senón todo o contrario. E é unha mágoa que unha iniciativa tan boa coma a das Panchas, que tanto beneficio lle reporta ao comercio de Ribadeo, á súa imaxe e tamén á veciñanza, se vexa prexudicada por non se sabe ben que intereses de certas persoas ou agrupacións. De todos os xeitos desde o Concello seguiremos traballando para o beneficio da cidadanía, para o beneficio da contorna e por suposto para o beneficio do comercio local de Ribadeo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here