A alcaldesa de Trabada lembra ao delegado da Xunta que ‘Territorio Cultura’ só entrega axudas a partir de 50.000 euros

A alcaldesa Mayra García Bermúdez declarou que “se a Xunta quere facer unha aposta decidida pola cultura e polo rural debería elaborar convocatorias de axudas pensando nas características que temos os concellos pequenos, ademais de destinar fondos propios da administración autonómica”.

Mayra García Bermúdez, alcaldesa de Trabada/Wikipedia

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, lémbralle ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, que o programa ‘Territorio Cultura’ só establece axudas para actividades e espectáculos cun orzamento mínimo de 50.000 euros.

Onte, García Bermúdez lamentou o recorte da Xunta de Galicia “na convocatoria de axudas aos concellos polos que transcurren as rutas do Camiño de Santiago Cultura no Camiño, un programa que ten unha longa traxectoria e que permite achegar a cultura a moitos concellos rurais”.

En resposta ás declaracións, o delegado da Xunta manifestou onte pola tarde que este ano había un novo programa, ‘Territorio Cultura’, ao que Trabada non presentara ningunha solicitude.

“En primeiro lugar, leccións de xestión e de tramitación de axudas non lle toleramos ningunha porque dende que chegamos ao goberno priorizamos os investimentos e solicitamos moitas axudas, a diferencia do que facía o PP cando xestionaba o concello”, afirma a alcaldesa. No que respecta ao programa ‘Territorio Cultura’, “dende o goberno local trasladamos información a un colectivo do concello porque estas axudas se subvencionan ata un 80% para os colectivos, en cambio aos concellos só se subvenciona o 70%, e non presentamos ningunha solicitude porque ‘Territorio Cultura’ só subvenciona espectáculos cun orzamento mínimo de 50.000 euros, o que limita a participación dos concellos pequenos”, apunta García Bermúdez.

É polo que a alcaldesa lle solicita á Xunta que “da mesma forma que este programa está financiado ao 100% polos fondos Next Generation UE a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia de España, que a Xunta convoque axudas para os concellos que financien ao 100% ou que non estableza uns límites mínimos para poder concurrir tan elevados, máis tendo en conta que a Xunta destina a este programa na categoría 2, dirixida aos concellos e aos seus organismos públicos tan só 300.000 euros repartidos nesta anualidade e na que ven”.

“Tendo en conta que o límite máximo por cada subvención é de 50.000 euros, apenas chegaría para cubrir seis concellos de Galicia”, asevera. En palabras de Mayra García Bermúdez, “se a Xunta quere facer unha aposta decidida pola cultura e polo rural debería elaborar convocatorias de axudas pensando nas características que temos os concellos pequenos, ademais de destinar fondos propios da administración autonómica”.

“Dende o goberno municipal de Trabada apostamos por achegarlle a cultura aos nosos veciños e temos unha programación amplia e variada durante todo o ano; reitero como xa dixen onte que parécenos inxusto que a Xunta discrimine os veciños e veciñas dos concellos pequenos, pois temos o mesmo dereito a ter acceso á cultura que os veciños de vilas máis grandes; non é a forma de apostar polo rural”, engade a alcaldesa de Trabada.

“O delegado da Xunta ten a oportunidade de comprometerse coa veciñanza de Trabada, xa que tal e como lle solicitei o domingo na Festa das Cruces, na que se rememora a historia con motivo da Guerra da Independencia (na comarca da Mariña Oriental os protagonistas foron os concellos de Ribadeo e Trabada, onde o alcalde de Sante Melchor Díaz de la Rocha ofreceu unha tenaz resistencia ao xeneral francés François M. Fournier e ás súas tropas), pode colaborar tamén abonando o caché do grupo Luar na Lubre que temos contratado para a Festa da Enfariñada do 2023; agardo a mesma colaboración co noso concello ca teñen con otros”, remata.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here