Cervo acondiciona tres rúas da área da Aldea coa achega da Xunta

O Goberno galego lembrou que impulsará con 2,5 millóns a humanización dos espazos urbáns nos municipios de menos de 50.000 habitantes

Visita ás obras na rúa Cabadalexo cervense. AXM

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as obras de humanización que o Concello de Cervo está a realizar na área que comprende as rúas Calabadexo, da Aldea e Xosé Álvarez.

A representante da Xunta de Galicia revisou as actuacións, financiadas con medio millón de euros polo Goberno galego, xunto co alcalde, o popular Alfonso Villares.

O rexedor asegurou que o proxecto de renovación de servizos e infraestruturas e de mellora da imaxe nesta zona estará rematado “nos vindeiros meses”.

As obras inclúen a renovación das redes de abastecemento e saneamento, o soterramento das redes de iluminación pública, subministro eléctrico e telefonía, a renovación da calzada e a instalación de novo mobiliario urbán.

Segundo expón o goberno local, isto permitirá dotar de hidrantes bocas de rego ás rúas e separar as redes de sumidoiros de augas pluviais e residuais, evitando que as primeiras discorran ata a depuradora.

Pola súa banda, a canalización soterrada do cableado evitará o impacto visual que provocan as liñas de distintos servizos que actualmente cruzan as rúas, fachadas e fincas.

O proxecto tamén contempla renovar a pavimentación da cazada, creando espazos diferenciados para os peóns e para o tráfico rodado. Así, a zona central pavimentarase con lastras de formigón e a zona perimetral destinada aos viandantes, con laxas de granito.

SUBVENCIÓNS

A conselleira lembrou que o Goberno galego habilita axudas para humanizar os espazos urbáns dos municipios con menos de 50.000 habitantes.

Os concellos poden solicitar estas subvencións desde o pasado mércores, coas que poderán custear a creación ou mellora de rúas, espazos públicos e infraestruturas urbás. O programa conta cunha partida de 2,5 millóns de euros.

Medio Rural achegará o 80% do orzamento de cada actuación que resulte seleccionada, cun límite máximo de 96.800 euros por proxecto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here