Denuncian a contratación de seis fisioterapeutas para o HULA mentres o servizo “se deteriora” na Mariña

A CIG acusa á EOXI de discriminar á bisbarra en favor de Lugo tralo remate do concerto con centros privados e o Sergas non concreta medidas para reforzar a prestación na comarca

Hospital Público da Mariña. AXM

A CIG-Saúde acusou este mércores á Estrutura Orgánica de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte de “abandoar” á asistencia sanitaria na Mariña Lucense en favor do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

O pasado luns, o sindicato nacionalista denunciou a situación de “absoluto deterioro” do servizo de rehabilitación e fisioterapia na bisbarra despois de que o pasado 31 de xaneiro rematase o concerto que o Sergas concerto que mantiña con clínicas e centros privados da comarca.

A central alertou de “longas listas de agarda” e “carencia de profesionais” tanto no Hospital Público da Mariña como nos centros de saúde, ao tempo que sinalou que as persoas atendidas nas clínicas privadas “viron suspendido o seu tratamento sen informacións nin solucións do Sergas respecto diso”.

Neste contexto, a CIG afirmou este martes que “a EOXI dirixida por Ramón Ares desde Lugo contratou seis especialistas para o HULA para atender a demanda de fisioterapia, despois de rachar o Sergas o convenio coas clínicas concertadas”.

“CIDADÁNS DE SEGUNDA”

Así, argumenta o sindicato, dase unha situación de discriminación. “Mentres tanto, na Mariña as persoas atendidas nas clínicas concertadas seguen sen resposta para este novo recorte sanitario”, sostén.

A central nacionalista insiste nas consecuencias negativas que ao seu xuízo tivo a supresión da área sanitaria da Mariña Lucense no ano 2013.

o sindicato pregúntase por que non se contrata persoal na comarca e atribúe a situación “á supresión da área sanitaria”

Este modelo de xestión afecta gravemente ás prestacións sanitarias na comarca que, lonxe de mellorar, empeoran e redúcense en beneficio do HULA”, subliña, para preguntarse “por que non se contratan fisioterapeutas na Mariña cando hai cartos para facelo en Lugo”.

A CIG resalta que os mariñaos “non son cidadáns de segunda” e insta á EOXI a poñer en marcha “un plan urxente” para restablecer o servizo de fisioterapia na comarca, incluíndo tamén un logopeda e un terapeuta ocupacional coma no resto dos centros.

PIDEN A DEMISIÓN DE CORTÉS

A CIG pide a dimisión da xerente executiva do Hospital da Mariña, María José Cortés, ao entender que “non traballa para garantir unha atención sanitaria en tempo e forma para a cidadanía da Mariña”.

O SERGAS: “NON QUEDOU NINGUÉN SEN ATENDER”

Fontes do Sergas confirman que neste momento non hai concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con centros privados na Mariña Lucense, o que se debe “ao remate do contrato”.

A XUNTA sinala que o concerto con centros privados rematou e que “estuda” posibilidades

O Sergas subliña que “non se deixou de atender a ninguén” e afirma que os pacientes “están a ser atendidos no hospital e nos centros de saúde que teñen fisioterapia; Viveiro, Ribadeo e Foz”.

Os doentes reciben tratamento “segundo a súa valoración e situación clínica, priorizando aqueles que teñen unha patoloxía aguda”, asegura.

CONTRATACIÓNS OU RENOVACIÓN DO CONCERTO

Preguntadas sobre se o Sergas está a traballar na renovación do concerto ou se contratará profesionais para os centros sanitarios mariñaos, as mesmas fontes non concretan polo de agora intencións nin medidas. “Estase a estudar e a usarse todos os medios da EOXI”, sosteñen.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here