IniciosociedadeA plataforma avisa de que se supenderon consultas por falta de hematólogos,...

A plataforma avisa de que se supenderon consultas por falta de hematólogos, o que o Sergas nega

O colectivo critica que o Hospital da Mariña "quedou cun especialista para 70.000 habitantes", o que considera "un agravio" á bisbarra

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e mailo Servizo Galego de Saúde (Sergas) polemizaron este xoves pola atención en hematoloxía no Hospital da Costa. O colectivo alerta da suspensión de consultas por falta de persoal, o que o Sergas nega.

A agrupación explica que o centro hospitalario -que atende a unha poboación superior aos 70.000 habitantes– quedou cun só especialista “dos tres que hai actualmente, dado que un deles colleu un permiso e a terceira hematóloga foi derivada ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), como está a suceder cada xoves”.

O colectivo asegura que soubo desta situación “a través de pacientes aos que se lles suspendeu a consulta”, e acusa á Consellería de Sanidade de “someter a un agravio a esta comarca, pois están a derivar outra facultativa cara o HULA, que dispón de dez hematólogos no cadro de persoal. Estamos abandoados”, expón Víctor Vila, voceiro da plataforma.

A denuncia prodúcese un día despois de que CIG-Saúde acusase á Xerencia de Lugo de dispensar un trato discriminatorio á Mariña Lucense, logo de contratar “seis fisioterapeutas para o HULA” mentres o servizo de fisioterapia está “en absoluto deterioro na bisbarra” tralo cese do concerto cunha clínica privada.

LOGOPEDIA

Neste senso, a plataforma sostén a fin do convenio non só prexudicou a atención no tocante á fisioterapia, senón tamén á logopedia, pois o centro privado prestaba tamén este servizo.

Segundo o colectivo, pais e nais alertaron “dun abandono total ao quedar as súas crianzas sen logopeda sen que o Sergas lles dera unha explicación”.

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña acusa ao Sergas de “desmantelar os servizos sanitarios na comarca” e esixe aos dirixentes do Partido Popular Daniel Vega e José Manuel Balseiro “que saian da coelleira e dean a cara” ante esta situación.

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, o Sergas emitiu un comunicado de resposta no que afirma que “non se suspendeu ningunha consulta do servizo de hematoloxía do Hospital Público da Mariña”.

Segundo argumenta o Sergas no texto, o hospital “conta con dous hematólogos no seu cadro de persoal e, dende hai uns meses, a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo contratou un terceiro especialista, de reforzo, que acude catro días á semana ao centro hospitalario. Polo tanto, as consultas e están programadas sempre para eses días”, indica.

Trala solicitude dun permiso programado por un dos especialistas, “programouse toda a actividade da axenda, sen que se suspendese ningunha consulta”. O comunicado conclúe que “unha vez máis estase a empregar a sanidade pública para xerar malestar e confusións”.

PARÁLISE CEREBRAL E TDAH

Na tarde do venres, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) alertou de que a Xunta de Galicia eliminou os convenios coas clínicas que tratan ás persoas con parálise cerebral e Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

A situación, explican os nacionalistas, afecta a toda a área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos. Podes ler a nova completa no Lugo Xornal.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...