‘Cesarín’ pregoará o Entroido de Foz, que durará oito días e repartirá 7.000 euros en premios

O programa, do 16 de febreiro ao 8 de marzo, inclúe actividades para nenos e tradicións coma o Touporroutou, o Xoves de Comadres ou o baile do farolillo

O Concello de Foz presentou este venres a programación do Entroido 2019, que terá oito días de festa e que pregoará César Rodríguez González, ‘Cesarín‘.

Os festexos comezarán o 16 de febreiro coa cea-baile de coroación da Raíña do Entroido, Sabela Pico. O ágape reunirá a arredor de mil persoas, con 800 entradas vendidas e outros 200 veciños en listaxe de agarda que o goberno local espera poder ubicar. DJ Puzzle e o grupo de batukada local Perkusiona amenizarán a noite.

O 28 de febreiro celebrarase o Xoves de Comadres. O encontro será ás 21.30 horas no restaurante Leytón. AFAMMER e a Asociación de Amas de Casa de Foz organizan a cita.

O día 1 será a quenda do pregón, a cargo de Cesarín. Pioneiro de Radio Foz hai máis de cinco décadas, o pregoeiro é, segundo espuxo o alcalde, o popular Javier Castiñeira, “un dos míticos antroideiros que iniciaron os desfiles no municipio, que teñen hoxe tanta tradición”.

O pregón está previsto para as 20.00 horas, na sala Bahía. Media hora máis tarde, no mesmo escenario, será o certame de coplas

DESFILE

O día grande do Entroido focego será o 2 de marzo, data na que se celebrará a trixésimo oitava edición o desfile. O goberno local repartirá máis de 7.000 euros en premios. A actividade festiva comezará desde pola mañá, con charangas polas rúas, e ás 17.00 horas iniciarase a comitiva de Don Carnal.

Nesa mesma xornada, de 23.30 horas será o baile, no que se entregarán os premios. Amenizarán a noite as orquestras Finisterre e Nazaret. A entrada custará seis euros, cunha bonificación para os que participen no desfile.

DÍA DOS NENOS

As actividades seguirán ata o 8 de marzo. O 3 será o Día dos Nenos, a partir das 17.00 horas na sala Bahía, coa actuación de O Show de Susana, inchables e obradoiros infantís. A entrada custará tres euros. Pola noite, no colexio Martínez Otero, celebrarase o Touporroutou satírico que impulsa A Pomba do Arco.

O luns, 4 de marzo, volverá o “baile do farolillo“, coa orquestra Os Alcántaraa Disco Móbil Decibelios e o  DJ Dani Rego. A entrada será a tres euros. O día 5, a Asociación de Amas de Casa organiza outra actividade infantil, cun baile con inchables na Sala Bahía.

QUEIMA DO ENTROIDO

O día 8, finalmente, “queimaremos xa o Entroido. Ás dez da noite sairemos, como sempre, dende Campo da Cabana ata o peirao, alí queimaremos o Entroido e teremos un pequeno ágape para todos os asistentes”, explica Castiñeira. 

O rexedor, que presentou a programación co edil de cultura, Ánxel Paleo, quixo “agradecer a todas aquelas persoas que se involucran nisto, porque eles fan que este sexa un dos mellores carnavais da Mariña Lucense. Tamén agradecer a Sempre Foz, que está aí para botar unha man na organización, que é fundamental para poder levar a cabo tal cantidade de actividades”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here