IniciosociedadeOs métodos contra a velutina dun viveirense espállanse polo norte da Península

Os métodos contra a velutina dun viveirense espállanse polo norte da Península

José María Vázquez creou no 2014 a empresa Serpa, que ofrece recursos contra a avespa asiática e que conta con franquicias en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Cataluña

Publicada o

- Advertisement -

Desde que a velutina comezou a inquietar a apicultura, José María Vázquez converteu o control da praga nun obxectivo empresarial e vital. En 2014, o viveirense creou a empresa Servicios Privados Antivelutina (Serpa), que hoxe conta con sete franquicias en todo o norte peninsular entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Cataluña.

A súa cruzada arrancou tras os primeiros ataques do véspido asiático á cortiza familiar. Recorreu ao protocolo oficial, pero os niños que localizara estaban demasiado altos para os medios cos que contaban os equipos de emerxencias.

Acabou por empregar explosivos caseiros para eliminalos. Foi unha solución provisional a un problema daquela incipiente. “Empecei a investigar: cheguei a ter quince niños nun cuarto para observar o seu comportamento e aprender. O ser humano ten que ser máis intelixente ca un insecto”, conclúe.

PÉRTEGAS E MÓDULOS PROTECTORES

A “observación” permitiulle desenvolver un instrumental e unha metodoloxía para retirar e destruír os niños. O empresario patentou unha pértega que alcanza os 50 metros de altura e que permite prender lume ao avispeiro. “A cremación é o procedemento máis efectivo e máis ecolóxico” defende en contra doutros como o uso de pesticidas.

A súa última aposta comercial é un módulo protector que se coloca no frente da colmea e que fortaleza ás abellas fronte aos ataques das velutinas. Ademais, vai acompañado duns recipientes plásticos que fan de trampas para atrapar aos individuos da especie asiática.

a última aposta comercial é un módulo protector que fortalece ás abellas fronte aos ataques das velutinas

A innovación comezará a comercializarse a gran escala en marzo, coa recepción de pedidos online, despois de tres anos de probas no centro de experimentación de San Pedro de Naseiro, onde testou a súa eficacia.  “O apicultor terá o problema resolto”, asegura Vázquez.

O inventor asinou un acordo empresarial co catalán Albert Muñoz para producir e distribuír o módulo en España, Francia e Portugal. “Vai ir acompañado dun manual de instrucións e dunha marca de seguridade para evitar imitacións”, precisa o viveirense.

Módulos protectores no campo de experimentación de Serpa, en San Pedro de Naseiro. AXM

A comercialización do módulo diversifica unha actividade empresarial con piares sólidos non só na “exterminación” de niños se non tamén no ámbito da formación, con charlas e cursos a particulares e operarios das administracións, e da prevención.

“En Cantabria formamos aos bombeiros para actuar contra a velutina. Aplican o noso protocolo.”A campaña pasada traballamos con 21 concellos e este ano colaboraremos con 30”, comenta Vázquez.

ÉXITO NO VALADOURO

Un dos avais cos que se presenta a empresa é o éxito logrado no Valadouro, onde o concello se presentaba en outubro pasado como “o primeiro de Europa” en conter a praga da vespa asiática.

A clave da estratexia de control estivo, segundo explica, “no trampeo profesional” que se despregou polo municipio. Serpa colaborou co concello para establecer os puntos nos que dispoñer os engados, en función do coñecemento acumulado sobre a ubicación de niños e a forma de desprazarse destes insectos.

FACTORES A CONSIDERAR NO TRAMPEO

“A eficacia depende das trampas depende de múltiples factores, a árbore na que se ubique, a altura, a orientación, a cor, o olor, o atraínte –o comercial é o mesmo que se vendeu para os avespóns toda a vida, non é específico para a velutina, apenas lle cambiaron o envoltorio-“, explica.

“No caso do Valadouro, repartimos uns boletíns con recomendacións específicas para cada quincena”, detalla Vázquez, que advirte contra a colocación arbitraria. “Se non o facemos con coñecemento, atraparemos menos velutinas, pero ademais prexudicaremos outras especies. No sur da provincia, por exemplo, as crabro“, explica.

a árbore na que se ubique, a orientación, a cor ou o atraínte inflúen no éxito ou fracaso dunha trampa

O empresario considera que “non se está a facer o suficiente” contra a velutina. “Non entendo como a couza da pataca se declarou praga e a velutina non, sabendo que é potencialmente mortal. En 2017, no lugar de orixe da vespa, morreron máis de 40 persoas por picaduras”, comenta o empresario.

Vázquez aboga pola creacion de grupos específicos e profesionais para actuar contra o véspedo asiático. “Non nos podemos limitar a retirar os niños á vista, e a derivar a retirada aos equipos de emerxencia, que teñen outras ocupacións”, sostén.

VATICINA UN “ANO DIFÍCIL”

A actividade en Serpa reláxase só en febreiro, o “único mes sen actividade da velutina: se alguén ten que desbrozar, debería aproveitar agora para facelo”, di.

O empresario di que febreiro é “o único mes sen actividade da velutina”

Vaticina un ano “difícil”. “En abril poderemos facer previsións máis fiables pero non é probable que se repitan as condicións do ano pasado, con choivas ata xuño, que reduciron o impacto da velutina”, apunta.

LIBRO

Ademais de ultimar os detalles do acordo societario para a comercialización do módulo, o empresario aproveita o descanso para avanzar nunha publicación pendente que recollerá a súa experiencia: ‘Vespa velutina. Caderno de campo’.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...