A Xunta afirma que o parque eólico Pastoriza creará sete empregos na fase de explotación

A infraestrutura, que afectará aos concellos de Mondoñedo e Riotorto, contará cun investimento de 30 millóns e unha potencia de 36 megavatios

Presentación do proxecto. AXM

A Xunta de Galicia e a empresa Norvento presentaron este xoves o proxecto do parque eólico Pastoriza, ubicado nos municipios de Mondoñedo, Riotorto e máis no concello pastoricense, e que creará segundo o Goberno galego “sete postos de traballo” na fase de explotación.

Segundo expuxo Norvento, a infraestrutura, cun investimento de preto de 30 millóns de euros, terá unha potencia de 36 megavatios. A fase de construción, asegura a empresa, permite “a creación ou mantemento de preto de 430 empregos“.

O Goberno galego subliña que o parque suporá “unha importante fonte de ingresos” para os concellos beneficiados, “tanto a través dos impostos municipais como do canon eólico”.

Neste senso, o goberno local de Riotorto, que concedeu a licenza de obra para o proxecto nos terreos municipais, prevé ingresar arredor de 765.000 euros, 682.000 en concepto do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (Icio), e 85.000 euros en concepto de Taxa por Licenzas Urbanísticas.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron as obras da infraestrutura.

DOCE EÓLICOS EN CONSTRUCIÓN EN LUGO

Tahoces sinalou que do total de 16 parques eólicos que se están a construír nestes momentos en Galicia, doce corresponden a Lugo, onde se están a investir máis de 330 millóns de euros.

Estas actuacións, asegurou, permiten crear ou manter preto de 4.800 empregos na fase de construción, e 64 na fase de mantemento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here