Ribadeo acollerá o Correlingua, no que participarán 1.500 estudantes mariñaos

A carreira anual polo idioma celebrarase o 7 de maio, baixo o lema 'O galego é a fórmula'

Reunión do Correlingua. AXM

Ribadeo acollerá o 7 de maio a edición do Correlingua 2019 na Mariña Lucense, no que se prevé que participen 1.500 estudantes da bisbarra baixo o lema ‘O galego é a fórmula‘.

A CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense e a Deputación de Lugo organizan a cita.

O traballo para a realización da carreira pola lingua, de carácter anual, iniciouse no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes certames.

O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de vídeo, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do galego e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso.

Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

REUNIÓN DE TRABALLO

Á reunión para a organización do Correlingua 2019 asistiron o alcalde, Fernando Suárez Barcia, o concelleiro de cultura e educación, Farruco Graña, representantes dos ciclos de Educación Infantil do CIFP Porta da Auga e de Animación de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo, a representante do CIG-Ensino, Paula Ferreiro Pena, o xefe da Policía Local, e a coordenadora do Correlingua na Mariña Dores Fernández Abel.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here