Conclúe a reforma do vial de acceso á Alameda dos Remedios

As obras de acondicionamento do recinto, que inclúen actuacións nos muros perimetrais, no arborado e no mobiliario urbán, "seguen en curso"

O vial de acceso á Alameda, recén pavimentado. AXM

A travesía que comunica a Avenida San Lucas coa Alameda dos Remedios, en Mondoñedo, abriuse ao tráfico tras concluíren as obras de renovación do pavimento.

O firme da rúa, un dos principais accesos ao recinto situado fronte á igrexa, repúxose con lousa de granito e pizarra, seguindo a liña estética doutras rúas do casco histórico da cidade.

Ademais, fixéronse obras de saneamento e abastecemento xa que non dispuña de ningún dos servizos básicos.

O goberno local pediu á veciñanza que non se estacione nas beirarrúas “para non deterioralas e coidar a Alameda”.

o goberno local pide á veciñanza que non estacione nas beirarrúas “para coidar” o recinto

ACTUACIÓNS PENDENTES

A pavimentación da rúa forma parte dun proxecto máis amplo de acondicionamento da Alameda, no que se anunciou un investimento de 110.000 euros.

O plan inclúe melloras nos muros perimetrais que exercen de contención e a renovación dos morteiros de enfoscado deteriorados.

Ademais, prevense traballos de mantemento do arborado, melloras do alumeado –para acadar unha maior eficiencia enerxética- e a reposición do mobiliario.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, precisou que as obras “seguen o seu curso” aínda que, recoñeceu, “se viron afectadas polo transtorno que ocasionan os edificios que se atopan alí”.

A carón da Alameda, ubícanse servizos como o centro de saúde, o hospital de San Pablo, a residencia da terceira idade ou o centro de día, ademais dun establecemento turístico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here