Foz abre o prazo de solicitude de axudas para o acceso ao centro de maiores

Centos de persoas acudiron á primeira das xornadas de portas abertas do xeriátrico focego

Xornada de portas abertas na residencia de Foz. AXM

O Concello de Foz celebrou este luns unha xornada de portas abertas da residencia de maiores e centro de día, un acto ao que acudiron centos de persoas. Os interesados en visitar as instalacións poderán facelo ao longo desta semana.

O edificio ofrecerá aloxamento a 40 persoas, ubicadas en dúas plantas, e un servizo de centro de día para outras 40.

O inmoble ten catro andares. Un deles é un semisótano, onde están os vestiarios, o ximnasio de rehabilitación e as zonas de administración e médica. A planta baixa alberga o comedor, varias salas do centro de día e a cociña. Os dous pisos para residentes terán nomes de praias do municipio, Rapadoira e Llas.

O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, precisa que a veciñanza do municipio “terá prioridade no acceso a esta residencia, para o que se fixo unha ordenanza municipal recentemente aprobada”. Os membros do actual asilo serán os primeiros residentes.

O rexedor subliña que se convocou “unha liña de axudas de máis de 200.000 euros por parte do Concello para todas aquelas persoas que non teñan capacidade económica suficiente; xa se poden xestionar a partir de agora tanto no centro social como aquí, na propia residencia, coa empresa adxudicataria, Idea”.

A concesionaria terá un contrato de dous anos con outros dous máis de prórroga. “Teño que felicitalos porque fixeron un labor importante con comerciantes, empresarios e industriais de Foz, que fixeron pequenas achegas para mellorar o equipamento”, remarcou Castiñeira.

“UNIDADE”

No acto participaron concelleiros dos partidos da corporación; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; responsables da firma navarra Idea, e membros do tecido asociativo do concello de Foz, ademais da responsable da residencia, a focega Fátima Fernández.

Castiñeira agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, “que se encargou da construción deste edificio e do equipamento”, aínda que salientou que “isto é o froito de moito traballo e de moita xente, pois todo o pobo unido demandou esta infraestrutura. É un día importante para o concello”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here