Tres viveirenses denunciaron por violencia de xénero no que vai de ano

Concello e Goberno asinaron un protocolo de colaboración para reforzar os medios dedicados a protexer ás vítimas de agresións machistas

Reunión da Xunta de Seguridade en Viveiro. AXM

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asinaron este xoves o protocolo de colaboración entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o Corpo da Policía Local para a protección das vítimas de violencia doméstica e de xénero.

O acordo foi aprobado nunha sesión extraordinaria que celebrou esta mañá a Xunta Local de Seguridade.

Rodríguez explicou que “o acordo de cooperación da Policía Local de Viveiro coas Forzas e Corpos de Seguridade de Estado para dar protección ás vítimas da violencia de xénero é consecuencia do proceso de colaboración co Concello de Viveiro que se puxemos en marcha meses atrás”.

Así, lembrou que “nun primeiro momento constituise, o pasado mes de outubro, a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero e posteriormente, no mes de febreiro, acordouse a adhesión de Viveiro a este protocolo”.

Pola súa parte, a alcaldesa destacou que “a nosa dispoñibilidade debe ser máxima. Considero que todos os responsables públicos temos que cooperar na loita para eliminar esta lacra dunha vez”, explicou a rexedora.

Na sesión, que tivo lugar na Casa do Concello de Viveiro, tamén participaron a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da subdelegación do Goberno, así como responsables da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Local e a Policía Autonómica.

DEZASEIS CASOS ABERTOS

No sistema de seguemento integral Viogen, o número total de casos activos de mulleres con domicilio en Viveiro aos que realiza seguimento a Policía Nacional é de 16, dos que dous están considerados de risco medio, catro baixo e os dez restantes de risco non apreciado.

O número de denuncias por malos tratos presentadas neste municipio no 2018 foi de 26. No que levamos de 2019 presentáronse outras tres demandas por malos tratos no concello de Viveiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here