Castiñeira resalta que a aprobación das contas permitirá contar cun segundo asistente social

Os orzamentos tamén inclúen un plan de emprego solicitado por FPF, que favoreceu que prosperaran os presupostos coa súa abstención

Sesión informativa con representantes da corporación municipal de Foz. AXM

O goberno de Foz sacou adiante no pleno do pasado luns o orzamento municipal para 2019, grazas á abstención de Foz Plataforma de Futuro (FPF). Ambos partidos negociaron ao longo das últimas semanas as contas, que prosperaron cos votos dos cinco edís do PP.

O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, remarca que malia gobernar en minoría “o Concello logrou aprobar, por cuarta vez consecutiva, os presupostos, grazas a súa capacidade negociadora cos grupos da oposición”.

Segundo precisou o rexedor, os orzamentos municipais estarán a exposición pública un mes.

As contas inclúen un plan de emprego de 120.000 euros, solicitado por FPF, e permitirán “mellorar os nosos servizos sociais, cun novo asistente social, e duplicar o que temos actualmente. Era unha demanda que se viña solicitando no noso concello e este ano 2019 vai ser unha realidade”, indica.

Castiñeiras felicitouse porque, asegura, “xa se poderán facer efectivas as axudas de acceso á residencia de maiores. Con estes orzamentos podemos ademais cumprir o pacto cos traballadores, resultado de aprobar a RPT hai poucas semanas. Vainos permitir tamén licitar a canceira tan demandada, posto que existe un convenio coa Deputación no que o Concello debe aportar unha parte proporcional, que vai nos orzamentos”, explicou o rexedor.

PACTOS

O alcalde subliña que “é importante ter uns orzamentos aprobados. Neste caso foi co apoio de FPF, como o ano pasado, pero na primeira parte da lexislatura aprobáronse co apoio do BNG. Con isto rematamos unha lexislatura na que o equipo de goberno cumpre coas súas responsabilidades. Aprobamos uns orzamentos para este ano e a próxima corporación poderá utilizalos”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here