Rouco promete fixar as tres prazas de taxi do hospital para taxistas de Burela

O candidato do PP burelao asegura que os postos "están a ser ocupados por profesionais doutros concellos" e quere evitar unha situación "que prexudica os intereses da veciñanza"

Taxi en Burela, na Praza do Mariñeiro. AXM

O candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, asegurou o pasado luns que de gobernar “reorganizará as prazas de taxis fixadas polo goberno local” para que os tres postos asignados ao Hospital Público da Mariña sexan ocupados por taxistas burelaos.

Rouco sinalou que o executivo municipal “fixa trece prazas para os taxis de Burela, tres no entorno do hospital e as outras dez na Praza do Mariñeiro. No decreto, (o alcalde socialista) Alfredo Llano fai constar no primeiro punto da resolución que as prazas son para os taxis do concello de Burela, pero vemos que as prazas do centro hospitalario son usadas por taxis doutros concellos con estacionamentos prolongados”, explica. 

O alcaldable dos populares cre que “isto prexudica os intereses dos taxis do noso concello e claramente contradi o decreto do actual alcalde. A esta situación hai que poñerlle remedio, a través da oportuna sinalización que aclare o decreto da alcaldía”, asegura.

PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA

Rouco tamén considera que debe mellorarse o acceso a persoas con mobilidade reducida. “As tres prazas do hospital están en batería, o que imposibilita, ou cando menos restrinxe en exceso, o uso por estas persoas. Ademais, no centro hospitalario bótase en falta cando menos unha praza de taxi máis ampla para taxis adaptados”.

O PP burelao engade que “esta mesma situación dáse na Praza da Mariñeiro. Se ben é certo que todos os postos van en liña, co que o acceso desde a beirarrúa non plantexa problemas, o que si é evidente é que non hai cando menos unha praza de taxi máis ampla para taxis adaptados, o que nos parece unha discriminación”.

O Concello é quen ten as competencias en materia de localización das paradas de taxis e, polo tanto, a partires do día 26 de maio, adoptaremos as medidas oportunas, xa que o que acaba de facer o actual alcalde non se axusta aos tempos nos que vivimos, senón que é manifestamente mellorable”, conclúe Rouco.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here