(AMPLIACIÓN) A Feira do Bonito de Burela, a un paso de ser de Interese Turístico Nacional

A Xunta tramitou o informe favorable e o Goberno central debe aprobar agora a distinción

Feira do Bonito. RTVE

A Consellería de Cultura trasladou na mañá deste mécores ao Ministerio de Turismo o informe favorable que avala a declaración da Feira do Bonito de Burela como Festa de Interese Turístico Nacional.

Así o anunciou o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, que aclarou que se trata “dun paso previo e imprescindible para acadar este recoñecemento”. O Goberno central será agora o encargado de aprobar a distinción para o evento, que organiza a sociedade cultural e recreativa Ledicia.

Balseiro subliñou que ese recoñecemento de ámbito nacional “faralle xustiza a unha das citas gastronómicas e culturais máis destacadas de Burela, que ademais pon en valor un peixe, o bonito do norte, que identifica ao porto e á lonxa” da propia localidade “no conxunto de España e Europa”.

Entre os requisitos necesarios para conseguir a declaración, está que o evento goce de gran aceptación, apoio e participación, que se celebre nun lugar con abonda capacidade hoteleira -nun radio de 50 quilómetros- e a acreditación de alomenos 20 impactos nos medios de comunicación de ámbito estatal.

35 ANOS DE TRADICIÓN

A Feira do Bonito celébrase no mes de agosto e nesta edición cumprirá 35 anos. A exaltación gastronómica mostra a condición que ostenta o porto burelao como referencia na comercialización deste peixe a nivel español e europeo. Nos últimos anos, a cita foi incorporando eventos paralelos cos que ofrece un variado programa cultural e de ocio.

POLÉMICA ENTRE CONCELLO E XUNTA

O anuncio da Xunta desatou polémica entre o Goberno galego e o Concello de Burela. Mentres o candidato popular á alcaldía, Manuel Rouco, subliñou o “valioso e imprescindible respaldo” do Executivo autonómico, e o propio Balseiro indicou que como deputado defendeu “unha iniciativa do PP na Cámara” para o apoio da declaración, o goberno local socialista afeoulle a unha proclama “pretenciosa e precipitada”. 

O concelleiro de cultura, José Díaz, remarcou o “traballo” ao longo dos últimos anos por parte do Concello de Burela, que “marcou a declaración coma un dos seus “obxectivos principais” neste mandato. O edil lembra que houbo que entregar un dossier de 58 páxinas para obter a distinción.

DEZ FESTAS COA DISTINCIÓN EN GALICIA

Díaz agarda que o Ministerio confirme a declaración. “Sería a terceira distinción coa que conta a provincia de Lugo, tralo San Froilán e o Arde Lucus, e a décimo primeira en Galicia, polo que para Burela sería moi importante conseguilo”.  

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here