IniciosociedadeAlumnado de Galicia e Asturias reivindica a Reserva da Biosfera

Alumnado de Galicia e Asturias reivindica a Reserva da Biosfera

Quince centros, convocados polo Foro Comunicación y Escuela, celebran un territorio común

Publicada o

- Advertisement -

Estudantes de quince centros educativos asturianos e galegos participaron hoxe nunha xornada de convivencia organizada polo Foro Comunicación y Escuela do IES Elisa y Luis Villamil de Vegadeo. A iniciativa reuniu a 125 estudantes de primaria e secundaria dos concellos que forman parte da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, acompañados por mestres e representantes institucionais, que se xuntaron para poñer en valor o patrimonio natural dun territorio común.

A xornada comezou co encontro no concello da Pontenova, onde os estudantes de cada un dos centros plantaron unha árbore –cerdeiras e bidueiras– na zona do Pozo do Mouro. A elección do municipio pontenovés non foi casual, xa que este acto simbólico se realizou en torno á Senda Verde, antiga ruta de ferrocarril que unía Vilaodrid e Ribadeo, agora acondicionada como sendeiro. Os estudantes realizaron os últimos seis quilómetros dese paseo, con chegada a San Tirso de Abres, onde deixaron máis árbores como testemuño do seu paso.

participaron na convivencia 125 estudantes, que fixeron seis quilómetros da antiga ruta vilaodrid-ribadeo

A convivencia continuou nunha comida organizada no CP Jovellanos de Vegadeo e cunha xuntanza na casa da cultura vegadense onde se leron os textos premiados nun concurso literario organizado polo Foro nos diferentes centros da Reserva da Biosfera.

ACTIVIDADE “EMOTIVA”

Levamos anos organizando actividades, pero hoxe foi, sen dúbida, a xornada máis emotiva, desde todos os puntos de vista. Cremos que isto pode ser un principio para darlle contido á Reserva, e vincular o territorio”, comentou Luis Felipe Fernández, director do foro, ao final do día.

representantes políticos de catorce municipios, da xunta, a deputación e o principado apoiaron a cita

A iniciativa contou co apoio de alcaldes e concelleiros dos catorce municipios da Reserva, ademais do presidente da Junta General do Principado de Asturias, Pedro Sanjurjo, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a responsable de cultura da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, María Carmen Gueimunde.

REDE DE CENTROS

A xornada de convivencia deu continuidade a outra actividade conxunta organizada o pasado ano. Un total de 50 estudantes do IES Elisa y Luis Villamil visitaron o Parlamento Galego e outros tantos alumnos e alumnas da Fonsagrada e A Pontenova viaxaron a Oviedo para coñecer a sede da Junta General do Principado.

O foro apostará porque os vínculos entre as comunidades escolares dos concellos da Reserva da Biosfera se asenten coa creación dun proxecto educativo sólido e con continuidade. “En outubro celebraremos unha reunión. Queremos crear unha rede de centros da Reserva. Cremos que sería interesante que os alumnos traballasen durante o curso sobre diferentes aspectos deste territorio, e que todo culmine cunha xornada de convivencia, similar a esta, cada ano nun concello”, apunta Fernández.

“ALGO MÁIS CA UNHA DECLARACIÓN”

A idea ten moita forza, se medra, podemos crear un proxecto educativo pioneiro e facer algo moi relevante polo territorio, conseguir que a Reserva da Biosfera sexa algo máis que unha declaración simbólica”, enfatiza o director do foro, ten entre os seus obxectivos a posta en valor do territorio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...