O cupón da ONCE do Ribadeo Indiano, cunha tirada de cinco millóns, sortearase o xoves

Concello e Acisa celebran que o boleto dará a coñecer a festa e a vila "en toda España"

Presentación do cupón no consistorio de Ribadeo. AXM

O salón de plenos do consistorio de Ribadeo acolleu este luns a presentación do cupón da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) dedicado ao sétimo Ribadeo Indiano, que se sorteará este xoves, 4 de xullo.

Na presentación participaron o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; a edil de cultura, Pilar Otero; o presidente da asociación local de comerciantes, industriais, servizos e autónomos (Acisa), Francisco Iriarte; e o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia. Tamén asistiu a directora da ONCE en Lugo, Eva Lorente.

Martínez precisou que son “cinco millóns e medio de cupóns que xa están á venta” e que servirán para promocionar a festa por todo o país.

“Unha festa que cada ano está a adquirir máis repercusión pública“, asegurou, “con maiores índices de participación”.

O delegado da ONCE destacou que participar na promoción dun evento destas características supón devolverlle á sociedade parte da súa implicación na labor social que desenvolve esta organización e que se financia grazas á venta do cupón, que é a súa “ferramenta de solidaridade”.

“MÁIS QUE UNHA FESTA”

Otero agradeceu “o interese da ONCE” e destacou que o Ribadeo Indiano non queda “soamente nunha festa na que pasalo ben, que é o primeiro que desexamos, senón que ten tamén estes pequenos xestos que abranguen o eido cultural e social”.

VITAL PARA A HOSTALERÍA TRAS UN “INVERNO DURO”

Pola súa banda, Iriarte, subliñou a importancia do Ribadeo Indiano para a agrupación de comerciantes tras “un inverno moi duro. Desde a nosa asociación queremos dar as grazas á ONCE pola promoción que está facendo do Ribadeo Indiano, que para nós é moi importante. Este cupón dános a coñecer en toda España“, salientou.

“A NOSA IDEA DE RIBADEO”

Finalmente, Suárez Barcia argumentou que “algúns terán sorte xa que lles tocará o cupón, pero todos os que o compren participarán dalgunha maneira tamén difundindo a nosa idea de Ribadeo e do Ribadeo Indiano”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here