IniciosociedadeBarreiros reclama á Xunta que cubra á pediatra que atende tamén en...

Barreiros reclama á Xunta que cubra á pediatra que atende tamén en Mondoñedo e Lourenzá

A profesional está de vacacións en agosto e o Concello calcula que, coa afluencia turística, "máis de 700 nenos" non reciben atención pediátrica

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que cubra a pediatra do centro de saúde barreirense durante as vacacións.

Segundo anunciou o executivo municipal, “o Sergas non ten previsto cubrir as vacacións da pediatra que presta os servizos no centro de saúde de Barreiros”. Deste xeito, a alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, enviou unha carta ao conselleiro de sanidade, ao xerente do Sergas e ao xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Monforte e Cervo solicitándolles a cobertura de dito posto durante o mes de agosto.

“10.000 PERSOAS” NO VERÁN

A rexedora expón que malia que o concello non supera os 3.000 habitantes, “ten unha poboación flotante moi abundante e, durante o mes de agosto, as persoas que habitan neste concello poden rondar as 10.000”.

Deste xeito, calcula que respecto da poboación menor de 14 anos, susceptible de ser atendida por persoal pediátrico, supón “máis de 700 persoas“.

Ermida considera que a falta de persoal durante un mes “interfire moi negativamente no control de recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse”, e tamén no tocante “ás consultas eventuais por enfermidades comúns que poidan ter lugar”.

A primeira edila lembra que esta situación “non afecta só a Barreiros”, xa que a profesional ausente atende tamén nos centros de saúde de Lourenzá e Mondoñedo, polo que o total das persoas afectadas “é moi superior ao mencionado”.

Ermida recalca que a ausencia da pediatra afectará “a outros servizos e lugares que, xa de por si, carecen dunha atención pediátrica axeitada, tal como poden ser o Punto de Atención Continua (PAC) de Ribadeo ou o propio servizo do Hospital Público da Mariña, onde non existe, de inicio, persoal pediátrico dispoñible.”

SATURACIÓN DOS SERVIZOS

O goberno municipal considera que “a decisión de non cubrir temporalmente o período vacacional desta profesional crea unha situación de desatención nas nenas e nenos e contribúe moi substancialmente á saturación doutros servizos”.

Por esta razón, o goberno municipal solicítalle ao Sergas que “reconsidere” a “decisión” de “non dotar de pediatra” ao centro de saúde barreirense durante o mes de agosto, e reivindica a cobertura do servizo “en aras de manter un funcionamento da sanidade pública dentro duns parámetros mínimos de calidade e cantidade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...