Interesar, xogar, aprender: o plan dun mestre de Burela para motivar a un alumno con autismo

Jairo Campo, docente de educación física nas Pontes, creou un xogo de cartas co que estimular a un pícaro con transtorno do espectro autista para mellorar a súa conduta

Campo, de pé, nun partido das categorías de base do Pescados Rubén Burela FS. AXM

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, un mestre é a persoa que ten un título oficial para exercer o ensino primario. Entre outros significados, a palabra tamén define a aquel que alcanza a excelencia na actividade que realiza. Jairo Campo Vázquez exemplifica estes dous conceptos. Este mozo de Burela de 25 anos, docente de educación física nas Pontes, vén de compartir  a través de Twitter, “por se serve”, un novidoso plan para motivar a un alumno con autismo.

A crianza en cuestión, de oito anos de idade e alumno de primaria, padece un transtorno do espectro autista, polo que ten Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).

O CENTRO DE INTERESE, UN VIDEOXOGO

O curso comezou sobre rodas, pero meses despois o mestre detectou un cambio no comportamento do neno. “Tiña problemas de conduta e de hábitos de hixiene. Tiraba o material, non obedecía… Non sabía a causa. Chocoume e intentei falar con el. Unha das cousas que me comentou é que lle gustaba moito un xogo de Google, chamado Dragon City“, relata.

Daquela, nos seus ratos libres foi elaborando unha estratexia para motivar ao pícaro nas súas aulas de educación física. “De camiño a Chantada no bus co equipo de fútbol descarguei o xogo e estiven fedellando nel. Logo utilicei unha aplicación chamada CardCraft para crear cartas, e fun buscando unha maneira de traballar con el na clase”, expón.


POR CADA PEQUENA MELLORA, UN NAIPE

Así, cando o pequeno se comportaba ben, “dáballe unha carta relativa a Dragon City na que aparecía un ovo de dragón. Se ao final dos exercicios cambiaba unha camiseta suxa por outra limpia recibía outra, desta volta o ovo eclosionaba en bebé“, precisa. A seguinte recompensa ao traballo realizado na aula de educación física representaba comida, coa que finalmente a criatura -no seguinte agasallo- tornábase en adulto. O pícaro recibía uns dez estímulos por semana para ir traballando progresivamente.

A proba funcionou e o alumno recuperou o bo humor e rendemento do inicio, polo que Campo decidiu comunicarse coa titora para ampliar a estratexia. “Dúas horas de educación física á semana non son suficientes, así que decidimos continuar noutras clases para que se beneficiase máis”, sinala. Así, mellorou o clima na aula e ademais, exercitou o galego co rapaz, que se expresaba só en castelán.

GAMIFICACIÓN

A tentativa non foi unha ocurrencia nin un invento, senón que se trata dunha metodoloxía novidosa, chamada gamificación. Esta técnica procura atopar e estimular o centro de interese do alumno: “trátase de crear un xogo adaptado ao que ti pides en educación física. A xogar apréndese xogando, e para aprender primeiro tes que interesar”, resume.

O docente burelao, que durante o mes de agosto traballa xa na planificación do curso 2019-2020, nega a frase feita de que todo está inventado e aconsella, na medida do posible, unha atención personalizada. “Ás veces hai que crear formas diferentes, buscar a chave. Se esperamos só que eles se adapten a nós non funciona. Por moito que teñas preparada unha sesión, se non vai tes que cambiar”, argumenta.

O DEPORTE, FONTE DE VALORES

Campo conxuga dúas das súas paixóns -os pequenos e o balón- como docente de educación física e como monitor nas categorías de base do Pescados Rubén Burela Fútbol Sala. Que valor ten a actividade deportiva na formación? O docente teno claro: “o deporte inculcoume uns valores, uns coñecementos e unhas normas –hixiene e saúde, esforzo, compromiso– que agora quero inculcar aos rapaces. É un vehículo de transmisión impresionante”, conclúe.

TAMÉN NO VERÁN

Os mestres sono de por vida e os alumnos non deixan de selo xamais. Así, mentres que non é hora de volver ao colexio, no que o proxecto terá continuidade, o pequeno das Pontes segue nas súas vacacións as ensinanzas do seu mestre da Mariña Lucense: Campo deixoulle unhas cartas especialmente feitas para a ocasión, con imaxes de tiburóns e doutros peixes, para animalo a nadar durante o verán.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here