Foz reforzará os controis tras tramitar 250 excesos de velocidade na fin de semana

O alcalde avisa de que a campaña seguirá no verán e agarda que non haxa críticas "por afán recadatorio"

Control de velocidade. EUROPA PRESS

A Policía Local de Foz tramitou un total de 250 sancións por exceso de velocidade de vehículos na pasada fin de semana, tras realizar controis o sábado e o domingo no núcleo urbano. O alcalde focense, Javier Castiñeira, lamenta a “falta de implicación dos condutores” e advirte de que as campañas para detectar as infraccións continuarán durante o verán.

CASOS “GRAVES” NA AVENIDA DA MARIÑA

O rexedor asegura que “nalgún sitio como a avenida da Mariña, que é unha rúa na que teñen preferencia os peóns e está suficientemente sinalizada, ocorreron casos bastante graves”. Deste xeito, Castiñeira resalta que “a única forma” de “evitar accidentes” é “facer campañas de control que planifica a Policía Local en todo o núcleo urbano e anuncialos publicamente”.

O alcalde focego lembra que durante a época estival “neste municipio duplícase a poboación e na vila triplícase, o que incrementa a posibilidade de atropelos nunhas circunstancias deste tipo, e o Concello non pode asumir eses riscos. Poderiamos estar a día de hoxe falando de males maiores”, sostén, e argumenta que “calquera crítica ou debate que iso poida abrir sobre afán recadatorio non ten ningún senso porque se está mirando pola seguridade viaria dos nosos peóns”, argumenta.

APARCAMENTO

O rexedor adianta que a vixiancia tamén se intensificará no tocante aos aparcamentos. “Cremos que en Foz hai suficientes prazas para poder respectar as zonas delimitadas para esta fin. Seguiremos nesta liña de control rigoroso do comportamento cívico, tanto de condutores como de peóns. Informamos que durante todo este verán vai haber estas campañas e que vai haber rigorosidade e cero permisividade neste senso”, concluíu o alcalde focego.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here