IniciosociedadeDolores Meitín: "as festas de Xove reúnen moita xuventude"

Dolores Meitín: “as festas de Xove reúnen moita xuventude”

A sardiñada deste vernes é unha das citas máis populares das patronais xovenses, que animan o útlimo fin de semana de agosto na Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Agosto remata coas festas patronais de Xove, dedicadas a San Bartolo e á Virxe do Carme. Catro días de música, actividades culturais, lúdicas e deportivas que arrincaron este xoves e que continuarán ata luns, festivo local.

Repasamos a axenda coa concelleira de Cultura, Dolores Meitín.

P. Como se reparten o traballo a Comisión e o Concello?

En liñas xerais, a Comisión ocúpase do cartel musical, das orquestras e dos grupos que actúan durante as festas e desde o Concello, ademais da achega económica e do apoio que tratamos de prestarlles, completamos a axenda con outro tipo de actividades lúdicas, culturais ou deportivas.

P. Que peso teñen as festas patronais na anual da área de cultura?

Desde o Concello tentamos colaborar coas festas que se celebran en todas as parroquias, pero é certo que na vila dispoñemos de equipamentos culturais e deportivos que nos permiten programar actividades que noutros lugares non poderiamos.

P. As festas comezaron co Día da Xuventude.

Si, dedicamos o primeiro día do programa á xuventude. Tivemos un espectáculo do Mago Teto, unha sesión de láser combat e un torneo de fútbol sala, cun encontro entre o Xove FS e o Parrulo, ademais da lectura do pregón, para o que contamos con Xacio Baño.

O último dedicarémolo aos nenos. A partir das cinco da tarde teremos inchables, na praza ou no pavillón, dependendo do tempo. É festivo local así que é unha boa oportunidade para que a xente que traballa no pobo, nos comercios, desfrute cos nenos.

A SARDIÑADA

P. Unha das citas máis populares é a sardiñada, que se fai o venres. Que ten de especial esta cita gastronómica?

É unha sardiñada na que, ademais da Comisión, colaboran moitas persoas. É sempre un éxito. As sardiñas son un bo reclamo gastronómico, gustan moito, e os tiquets véndense a un prezo moi asequible, dous euros.

Este ano ademais será a primeira noite con música. Actuarán a orquestra La Occa Band e Claxxon, un grupo que move moita xuventude.

FESTAS PARA A MOCIDADE

P. Cunha oferta de ocio cada vez maio, reter a xuventude é un dos maiores desafíos para os organizadores das festas patronais.

Creo que a Comisión conseguiu un cartel moi interesante, con propostas para todas as idades. Tamén para a xuventude. Mencionamos o grupo Claxxon pero a orquestra Panorama tamén ten un gran tirón entre a xente nova.

Temos outras ventaxas. Por un lado, estamos nun punto intermedio entre Burela e Viveiro, unha boa situación para atraer xente deses lugares e, por outro, non coinciden con outras grandes festas preto. Ao longo do verán danse moito esas situacións que poden restar afluencia.

Nese sentido, temos a sorte de que son unhas festas que sempre reúnen moita xuventude.

P. Falamos da orquestra Panorama, que actuará o domingo. Unha aposta segura. 

Si, todos sabemos o gran tirón que ten a orquestra. De feito, unha das prioridades da Comisión nestes dias é localizar terreos para habilitar aparcamentos e que non haxa dificultades para deixar os coches. Son actuacións caras, máis neste mes, pero compensan porque traen moita xente.

TEMPO DE REENCONTROS

P. Que é o que máis lle gusta destas festas?

A min persoalmente, a familiaridade e a fraternidade coa que se viven. Moitos viven fóra pero nestas datas volven á casa e encontrámonos de novo.  Ese ambiente especial dase sobre todo na sesión vermú, que podes falar máis tranquilamente que pola noite con persoas que en moitos casos só ves de ano e ano.

P. Remata agosto pero non a axenda festiva do concello.

Non, porque a vindeira fin de semana son as festas de Portocelo; o 29, as de San Miguel na Rigueira e a principios de outubro a festa dos callos no Cruceiro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...