O festival Viveiro con Orgullo reivindicará a diversidade sexual cun programa para todas as idades

O Concello impulsa a primeira edición do encontro, do 1 ao 7 de setembro, co afán de concienciar sobre identidades sexuais diferentes que "teñen que ter cabida" na sociedade

A edil de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, co cartel do festival. AXM

A cidade do Landro reivindicará a diversidade sexual do 1 ao 7 de setembro coa primeira edición do festival Viveiro con Orgullo, unha cita que se celebrará nos xardíns de Noriega Varela e que terá un carácter familiar e educativo.

O evento, organizado e financiado pola área de cultura do Concello de Viveiro, será “un momento lúdico, de concienciación social, de desinhibición e de realización dunha serie de colectivos aos que non se lles dá a visibilidade que merecen e que necesitan”, asegura a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

A edil argumenta que “pensamos que as cousas están feitas e non é así, posto que as cifras de agresións a xente que é gay ou transxénero están aí. Cremos que hai un problema de base, educacional. Por iso faremos moitas actividades para nenos, porque pensamos que o principal é educar en valores de igualdade e de respecto á diversidade sexual”, subliña, para agregar que o evento “é algo que moita xente nos pediu, e que cremos que é necesario e que terá unha boa acollida”.

“O DESAFÍO É OFRECER UN LUGAR”

O coordinador do proxecto, Fabián Ben, da empresa Emarela, indica que a cita pretende fuxir “do Orgullo comercial, cuns eslogans e iconas moi concretos, para visibilizar as realidades máis concretas de xente que se sinte diversa en moitos aspectos. O desafío para Viveiro e para outros concellos é dar cabida a todo isto”, remarca.

Así, o Viveiro con Orgullo mírase non tanto nas celebracións das grandes cidades do 28 de xuño senón no espello de citas como o Agrocuir da Ulloa ou, o Sarria de Todas as Cores ou o Orgullo LGTBI de Lalín.

EXPOSICIÓN E CHARLA

A programación comezará o domingo día 1, coa participación do colectivo Chrysalis, ao que este ano estará dedicado o festival. “Esta agrupación foi a que nos pediu que pintaramos un dos bancos do paseo marítimo coa bandeira transxénero“, indica Fernández-Noriega.

Trátase dunha agrupación que traballa principalmente nos centros educativos, formando a docentes para que os acompañen no proceso de afirmación da identidade sexual.

Nese 1 de setembro, ás 17.00 horas na biblioteca, inaugurarase unha exposición, ‘Transgresivas‘, con paneis explicativos “sobre o que significa para as familias darse conta de que o seu fillo ten unha identidade sexual transexual”, precisa a concelleira. Podera verse ata o día 7.

Posteriormente, haberá unha charla a cargo deste colectivo “para dar a coñecer o que conleva na sociedade na que vivimos ter un neno ou nena transxénero”, indica a edil de cultura, que cre que “sería moi interesante que puidesen vir non só a veciñanza en xeral, senón todos os profesores que poidan, para axudar á súa integración nos colexios e a comprender cada caso en particular”.

RUTA DE TAPAS

O xoves, día 5 de setembro, o festival terá un aperitivo de luxo. O Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) sumarase ao evento cun Juepeo con Orgullo no que os locais da ruta de petiscos contarán cunha decoración dedicada ao evento. Tamén os comercios da vila axeitarán os seus escaparates para respaldar aos colectivos que reivindican a diversidade sexual.

Programa de Viveiro con Orgullo. AXM

PREGÓN E SESIÓN VERMÚ

O sábado 7, a xornada festiva comezará cun espectáculo de contacontos (biblioteca, 12.00 horas) a cargo de Bego Bras, titulado ‘Historias correntes de xente diverxente‘. Dentro da programación dos ‘Sábados de contos‘, esta peza de narración oral con afán pedagóxico que conta a historia de Sabela, en aparencia unha nena calquera; conforme se afonda na súa traxectoria, descóbrese que hai pouco tempo que se chama así, pois antes era Daniel.

Mentres os pequenos están entretidos na biblioteca, a poucos metros, nas rúas e prazas do casco, o colectivo LAG realizará unha intervención artística sorpresa na que implicará aos adultos. “Irán interactuando coa xente que estea no casco, e preferimos non desvelar nada máis, aínda que a inclusión será a temática central da actuación”, expón Fernández-Noriega.

Ás 13.00 horas, nos xardíns, será o pregón, a cargo da Cabezuda Travestida ‘Divine’, personaxe interpretado polo actor Fran Quiroga. “Este artista vai estar estes días no Agrocuir da Ulloa, e explicará por que é necesario facer este tipo de accións nos Concellos. Gustaríamos que outros gobernos locais se sumaran a este tipo de iniciativas”, explica a concelleira de cultura viveirense.

Tralo pregón, sobre as 13.30 horas, comezará a sesión vermú, ata aproximadamente as tres da tarde, con The Tetas’ Van, grupo musical que reiventa clásicos da música pop e rock facendo fincapé na diversidade sexual. Os asistentes poderán refrescarse en dúas barras que montará o CCHV.

FESTA DAS CORES E CONCERTOS

Ás 17.00 horas, na estación de autobuses, o ViverTren esperará para levar á comitiva -poden usar o servizo aquelas familias que o desexen- cara o parque da Misericordia, onde ás 17.30 horas iniciarase a Festa das Cores, con Eureka. Haberá xogos, obradoiros, contacontos e unha explosión de cores que require que os participantes “leven roupa clara e vella e algo -gafas de sol ou de piscina- para protexer os ollos”, indica a edil.

De regreso a Noriega Varela haberá un festival musical patrocinado por CulturActiva con Sunday Morning Club, que comezará a súa actuación sobre as 22.30 horas. O grupo viveirense precederá aos portugueses Venga Venga.

NACEU “PARA QUEDARSE”

A festa rematará nos locais de hostalería, que seguirán decorados para a ocasión. O artista cubano Otto Treto, afincado en Viveiro, foi o autor do cartel dunha cita que “esperamos que teña unha longa historia“, desexa a concelleira, que se di satisfeita “de que se creou un entramado social que participa no festival”.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here