Trabada, exemplo dunha Galicia que produce “máis da metade” da madeira de España

O conselleiro de Medio Rural asegurou que o sector, cunha superficie forestal de dous millóns de hectáreas, xera na comunidade "70.000 empregos" entre directos e indirectos

Visita do conselleiro de Medio Rural a Trabada. AXM

Galicia lidera a silvicultura en España, cunha superficie forestal de dous millóns de hectáreas e un volume total de madeira que rolda os 192 millóns de metros cúbicos, segundo datos facilitados este venres polo conselleiro de Medio Rural, José González, no transcurso dunha visita á Sociedade Agraria de Transformación do municipio de Trabada.

“A produción de madeira é a principal achega económica do subsector forestal, seguido pola fabricación de mobles e de papel”, incidiu González.

Na mesma liña, lembrou que o sector conta na actualidade con 600 empresas industriais e comercializadoras, ademais de 2.400 autónomos, de modo que xera ao redor de 70.000 empregos, entre directos e indirectos.

Tamén sinalou que máis de 600.000 galegos son propietarios forestais ou comuneiros de montes veciñais en man común, unhas cifras que evidencian o peso deste sector na economía galega, dado que “producimos máis da metade da madeira nacional, sendo nosa industria líder en exportación a nivel estatal”.

A SOCIEDADE AGRARIA TRABADENSE, PIONEIRA

Nese sentido, quixo destacar que “máis de 80.000 propietarios forestais teñen ingresos anuais polas curtas de madeira en Galicia”, de modo que ao redor do 12% das familias galegas “perciben ingresos por valor duns 300 millóns de euros”.

Por iso, na Sociedade Agraria de Transformación de Trabada, que foi a primeira concentración privada de montes de Galicia, insistiu na necesidade de “impulsar unha xestión forestal sostIble, tanto desde o punto de vista económico como ambiental”.

A ALCALDESA RECLAMA QUE SE RETOMEN AS PARCELARIAS

Na reunión tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chaín, e a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez.

Durante a visita, García solicitoulle ao Conselleiro de Medio Rural colaboración para realizar varios “proxectos pendentes” e novas iniciativas de dotacións e mellora de infraestruturas e servizos “que aumenten a calidade de vida e o benestar da veciñanza de Trabada”.

Por unha banda, reivindicou a necesidade de levar a cabo as concentracións parcelarias naquelas parroquias nas que a día de hoxe o terreo está sin agrupar, “xa que con estes procesos acádase unha ordenación da superficie agraria que ademais de permitir un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona, aumenta a produtividade e o rendemento económico para os propietarios”, sinalou.

Por outra banda, a rexedora solicitou novamente a cesión en propiedade dun vehículo motobomba para a extinción de incendios forestais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here